ABANCA financia ao Dépor para reestruturar a súa débeda e construír un proxecto máis sólido e competitivo
- O acordo permitirá reducir a presión da débeda a amortizar cada tempada, permitindo ao Dépor elevar o seu tope salarial e reforzar a plantilla
- Fará viable tamén un programa de reformas para o estadio, que pasará a chamarse Estadio ABANCA-RIAZOR
ABANCA e o Real Club Deportivo presentaron esta tarde o acordo polo que a entidade financeira achega 45 millóns de euros que permitirán ao club coruñés reeestructurar a súa débeda, e fortalecer o seu proxecto institucional e deportivo. A operación leva asociado un plan de tesouraría a 15 anos que facilitará afrontar con maior desafogo a carga financeira anual do Club.
Juan Carlos Escotet Rodríguez, presidente de ABANCA, sinalou que “a operación fai viable ao Dépor e fortaléceo para poder competir de forma moi diferente a como o fixo nas últimas tempadas. Este acordo, que inclúe un plan financeiro serio e as garantías de devolución que o fan posible, é unha aposta por un proxecto deportivo e un estadio á altura do Club, da cidade e de Galicia”.
O acordo proporcionará liquidez á entidade deportivista, o que lle permitirá elevar o seu tope salarial e ampliar as posibilidades no mercado de fichaxes para formar un equipo máis competitivo. Ademais, achegará recursos para executar un calendario de reformas no estadio de Riazor que o adecuarán ás necesidades actuais do fútbol profesional.
O convenio con ABANCA abre para o Dépor unha nova etapa, tras a operación financeira máis importante dos 111 anos de historia do Club. En palabras do seu presidente, Tino Fernández, “con este acordo por fin atopamos unha solución satisfactoria ao maior problema que nos atopamos á nosa chegada ao Club. Faremos fronte á débeda do Deportivo de forma ordenada para seguir sendo a entidade seria e solvente na que o convertemos, gañando competitividade no que é o verdadeiro motor da institución, o fútbol profesional de Primeira División”.
Novo nome e calendario de actuacións no estadio
Ademais do acordo financeiro, ABANCA e Dépor asinaron un novo contrato de publicidade ampliando o alcance e a duración temporal do actual. O aspecto máis significativo é que o estadio de Riazor, que mellorará notablemente as súas instalacións nos próximos anos, pasará a denominarse comercialmente Estadio ABANCA-RIAZOR.
Á conclusion da reforma das cubertas, o Deportivo comprométese a mellorar a iluminación e a fachada do estadio, pero xa desde esta tempada, que comeza o sábado, os novos bancos, as novas zonas de bares e ambigús ou a creación dunha zona de hospitality e traballo corporativo na área de Tribuna, serán unha realidade.
Ademais deste plan de melloras inmediato, o Deportivo desenvolverá un plan global de actuación sobre o Estadio ABANCA-RIAZOR co fin de realizar unha profunda mellora do seu exterior, desenvolvendo un proxecto de reforma progresiva da fachada coordinada co Concello nas obras de reforma de cubertas que acometerá a institución municipal.
O Deportivo renovará tamén as dotacións e infraestruturas interiores, accesos e accesibilidade e executará un plan de innovación tecnolóxica que potenciará a compra e venda de entradas, a identificación a través de aplicacións móbiles e a comunicación con socios e simpatizantes.
Para este plan global de actuación no Estadio ABANCA-Riazor, o Club adicará polo menos 7 millóns de euros durante os próximos 5 anos.