ABANCA firma con Zona Franca de Vigo a venda dos inmobles de López Mora
- Son catro edificios de oficinas situados sobre unha parcela de 8.500 metros cadrados
- Vigo é unha das zonas máis estratéxicas para ABANCA en negocio e en presenza comercial e institucional
- Como principal axente dinamizador, Zona Franca dotará a Vigo dun gran centro enfocado á nova economía
O conselleiro delegado de ABANCA, Francisco Botas, e o delegado da Zona Franca de Vigo, David Regades, asinaron esta mañá a compravenda dos inmobles de López Mora que pasan a ser propiedade da Zona Franca. Trátase dun conxunto de catro edificios de oficinas situados sobre unha parcela de 8.500 metros cadrados. Os edificios contan con tres e catro alturas, distribuídas en espazos para oficinas, almacéns e servizos. O prezo taxado dos inmobles é de 12,3 millóns de euros.
O acordo formalizado hoxe permite a ABANCA transferir un inmoble de natureza singular que actualmente se atopaba sen actividade e situado na contorna urbana de Vigo, o que posibilitará convertelo nun activo dinamizador para a cidade. Pola súa banda, grazas a esta operación o Consorcio de Zona Franca poderá ofrecer no centro da cidade un gran complexo de dotacións enfocadas á nova economía que terá como núcleo un centro de negocios con espazos de traballo flexibles, coworking para emprendedores e autónomos, salas de reunións, aulas de formación, auditorio de servizos múltiples, oficinas de aluguer, xardíns e aparcamentos. Estes catro edificios reformaranse para conseguir espazos luminosos, innovadores e cun deseño arquitectónico de vangarda co que Regades declarou cumprir “un compromiso coa miña cidade que hoxe vexo realizado, unha aposta pola nova economía e as actividades relacionadas co coñecemento nun espazo que favorecerá a creatividade e o coñecemento en estreita colaboración coa Universidade”.
A rehabilitación destes edificios, ademais de representar un espazo perfecto para as empresas, o feito de que Zona Franca os dote de nova actividade tamén activará a vida urbana desta área e será un revulsivo para os comercios e negocios de restauración da zona de López Mora e Tomás Alonso.
ABANCA en Vigo
Vigo é unha das áreas máis estratéxicas para ABANCA tanto en termos de negocio como de presenza comercial e institucional. Ademais do edificio de García Barbón, unha das dúas sedes sociais da entidade financeira, ABANCA dispón en Vigo de medio centenar de oficinas que lle permiten ter presenza no núcleo urbano, nos principais barrios da cidade e en puntos estratéxicos como o Porto, a Universidade, o Concello de Vigo e os hospitais Meixoeiro e Álvaro Cunqueiro.