ABANCA fortalece a súa colaboración coas confrarías do norte da Coruña nun acto clave previo á campaña de Nadal
- O banco traslada aos profesionais do sector pesqueiro o seu apoio para afrontar unha recta final do ano complexa, moi marcada pola inflación e os últimos temporais que azoutaron as costas do norte peninsular
- O acordo inclúe tamén solucións flexibles para abordar un dos principais desafíos do sector nos últimos tempos: a sostibilidade
ABANCA segue impulsando o seu compromiso co sector pesqueiro galego e, un ano máis, mantivo un encontro cos representantes das principais confrarías do norte da Coruña. A reunión, celebrada esta tarde na sede de Afundación na cidade herculina, serviu para fortalecer a colaboración, abordar os desafíos do sector e renovar os tradicionais convenios de colaboración que unen a ambas as partes desde hai anos.
Nun momento clave para o sector, ás portas da campaña de Nadal, a entidade financeira trasladou a estes profesionais do mar o seu firme apoio para afrontar unha recta final do ano complexa, moi marcada pola inflación e os últimos temporais que azoutaron as costas do norte peninsular. O director territorial de ABANCA na Coruña, Óscar Salgado, e o director de ABANCA Mar, Javier Fraga, foron os encargados de explicar a oferta financeira que comprende o novo acordo ante os portavoces dos distintos pósitos, nunha reunión na que tamén participaron outros responsables da rede comercial do banco.
Solucións financeiras para os retos actuais
En resposta aos desafíos cruciais que enfronta o sector, ABANCA pon o foco en solucións flexibles de financiamento, como hipotecas navais, préstamos ou leasing con prazos amplos de amortización ou posibilidade de carencia, orientadas a incentivar a construción de novas embarcacións, a remodelación ou segunda adquisición de barcos máis eficientes e menos contaminantes.
O acordo tamén inclúe respostas financeiras para atender necesidades de liquidez puntuais, con produtos adaptados como unha póliza de crédito específica para o sector pesqueiro. Ademais, contémplanse outras alternativas, como anticipos de axudas, aprazamentos de impostos ou liñas de desconto, que permitirán reducir o impacto da caída da demanda ante a subida de prezos ou afrontar a diminución da produción debido a condicións climáticas desfavorables das últimas semanas. Completan esta oferta outras opcións como avais ou seguros especializados, entre outras.
Compromiso a longo prazo co sector
Esta alianza estratéxica inclúe á Lonxa da Coruña e a un total de 16 confrarías do norte da provincia: Ares, Barallobre, Caión, Cariño, Cedeira, Corme, A Coruña, Ferrol, Laxe, Lorbé, Malpica, Mera, Miño, Mugardos, Pontedeume e Sada. Con ela, ABANCA busca reforzar non só o apoio financeiro, senón tamén impulsar o crecemento e a substitución xeracional no sector, promovendo ademais prácticas en liña cos obxectivos ambientais e de preservación do ecosistema mariño.
Mediante esta colaboración integral, a entidade financeira reafirma polo tanto o seu compromiso co desenvolvemento sostible e a viabilidade a longo prazo do sector, apoiando así a resiliencia das comunidades costeiras e a súa valiosa contribución á economía galega.