ABANCA fusiona Imantia Capital e Bankoa Gestión na compañía ABANCA Gestión de Activos
- A operación completouse unha vez obtidos os permisos correspondentes
ABANCA fusionou as súas dúas xestoras de fondos de investimento, Imantia Capital e Bankoa Gestión, nunha única compañía, ABANCA Gestión de Activos, marca coa que a partir deste momento o banco impulsará o crecemento do seu negocio de fóra de balance. A operación de fusión completouse unha vez recibida a correspondente autorización da CNMV.
“No marco do noso proceso de crecemento e expansión en todo o territorio nacional, con esta operación centralizamos os nosos servizos de xestión de activos potenciando a xeración de valor engadido para os nosos clientes particulares, de banca persoal e de banca privada”, sinala Juan Luis Vargas-Zúñiga, director xeral de Mercado de Capitais, Xestión e Distribución de ABANCA.
A operación permite a ABANCA optimizar a súa estrutura societaria e gañar en eficiencia. Especificamente, o banco homoxeneíza o seu catálogo de produtos do segmento de fóra de balance, evita duplicidades e incrementa a transparencia fronte ao mercado.
ABANCA Gestión de Activos supón así mesmo unha importante achega ao grupo ABANCA en termos de volume de negocio. En conxunto, as dúas compañías de orixe xestionan un total de 3.600 millóns de euros en fondos de investimento, e comercializan fondos internacionais de terceiros por importe de 3.800 millóns. A nova xestora resultante da fusión nace cun total de 152.000 clientes.
En crecemento
ABANCA Gestión de Activos será unha peza fundamental no proceso de crecemento de ABANCA no negocio de fóra de balance, obxectivo que o banco abordará a través dunha plataforma nacional e internacional eficiente e de alto valor. Todo iso favorecerá o cumprimento do Plan Estratéxico 2021-2024 de ABANCA.