ABANCA garante aos seus clientes a retirada de efectivo sen recarga adicional no 37% dos caixeiros de España
- A entidade financeira aposta por dar o máximo nivel de servizo aos seus clientes
- ABANCA adhírese ao acordo que Euro 6000 acaba de asinar con Bankia e Sabadell para non aplicar recargas en 17.730 caixeiros automáticos
ABANCA porá a disposición dos seus clientes unha ampla rede de caixeiros automáticos, o 37% do parque total que existe en España, nos que poderán retirar diñeiro sen recarga, mantendo a política de prezos que teña coa entidade.
ABANCA adhírese así ao acordo que Euro 6000 acaba de asinar con Bankia e Banco Sabadell para permitir que os clientes destas entidades financeiras teñan á súa disposición unha rede de 17.730 caixeiros nos que non se lles cobrará unha recarga e a entidade emisora da tarxeta aplicaralles condicións favorables.
Con esta iniciativa, ABANCA e o resto de entidades que asinaron o acordo apostan por ofrecer o máximo nivel de servizo aos seus clientes complementándose entre si. Os clientes destas entidades terán á súa disposición a maior rede de caixeiros automáticos sen recarga a nivel nacional e coas condicións máis vantaxosas do mercado. “Queremos garantir aos nosos clientes unha ampla rede de caixeiros nos que a política de prezos é a marcada pola entidade co cliente e non existen recargas adicionais de terceiros”, explica Luís Beraza, director de Negocio España de ABANCA.
Para axudar aos seus clientes a localizar os caixeiros nos que non van pagar comisións, ABANCA conta cun localizador de caixeiros en www.abanca.com e na súa aplicación de Banca Móbil. Ademais, EURO 6000 tamén conta cunha aplicación que permite consultar os caixeiros máis próximos de entidades adheridas a EURO 6000.
A rede de caixeiros máis extensa de Galicia
ABANCA dispón dunha rede de preto de 1.000 caixeiros en toda España. En Galicia a entidade conta coa maior rede de caixeiros automáticos, co 30% dos dispositivos que hai na Comunidade e con ampla presenza no catro provincias galegas. Todos os clientes da entidade financeira poden retirar cartos neses caixeiros de forma gratuíta.