ABANCA habilita financiamento por importe de 300 millóns para as empresas da área da Coruña
- Os beneficiarios son as empresas dos polígonos de Agrela, Pocomaco, Sabón, Bergondo, Río do Pozo, As Pontes - Seara, Espírito Santo - Cambre, Alvedro e Os Capelos – Carral
- O acordo de colaboración foi subscrito esta mañá polo conselleiro delegado de ABANCA, Francisco Botas, e os representantes das áreas industriais
ABANCA e nove polígonos industriais da Coruña e a súa área de influencia subscribiron un acordo de colaboración polo que a entidade financeira porá a disposición das empresas situadas nestas zonas unha nova liña de financiamento adicional por importe de ata 300 millóns de euros.
Este importe, que se sumará ás operacións de financiamento xa concedidas por ABANCA, supón un novo paso adiante no compromiso da entidade financeira co desenvolvemento do tecido económico da súa contorna. Especificamente, o acordo ten por obxectivo financiar investimentos na industria para apoiar a súa modernización e competitividade.
O convenio foi subscrito esta mañá na sede de ABANCA na Coruña polo conselleiro delegado do banco, Francisco Botas, e os representantes das áreas industriais de Agrela (José Antonio López López), Alvedro (Emilio Fernández Gómez), Pocomaco (Ricardo Tormo Massignani), Sabón (Manuel Rivas Caridad), Bergondo - ASEB (Rebeca Rojano Marcos), Río do Pozo (Jesús Manuel Mera Hermida), Espírito Santo - Cambre (Isaac Rodríguez Sánchez) e Os Capelos - Carral (Juan Veiga Álvarez).
“A nosa vocación é ser o socio financeiro de referencia para as empresas, os comercios e os autónomos, con cuxo futuro e crecemento mantemos un sólido compromiso materializado a través da concesión de financiamento e o apoio en servizos que repercuten día a día na nosa contorna”, sinalou o conselleiro delegado de ABANCA, Francisco Botas.
Oferta integral
As operacións de financiamento correspondentes a esta iniciativa de apoio aos empresarios realizaranse a través dunha oferta financeira deseñada por ABANCA para cubrir mediante diferentes produtos financeiros en condicións vantaxosas as necesidades das empresas, desde a liquidez para o desenvolvemento das actividades do día a día ata o financiamento de investimentos a longo prazo.
As empresas asociadas ás áreas industriais incluídas no acordo (Agrela, Pocomaco, Sabón, Bergondo, Río do Pozo, As Pontes - Seara, Espírito Santo - Cambre, Alvedro e Os Capelos – Carral) poderán beneficiarse así mesmo das liñas de financiamento oficial que ABANCA ten subscritas con organismos como ICO e IGAPE e dos protocolos existentes coas sociedades de garantía recíproca Sogarpo e Afigal.
Tamén están incluídos no acordo servizos de terminal punto de venda, financiamento en punto de venda (APLAZOS), seguros e banca a distancia, así como o Programa Cero Comisións, que permite aos clientes de ABANCA eliminar custos polas súas xestións máis habituais.
ABANCA na Coruña
Na súa dirección territorial Coruña, que engloba os polígonos beneficiarios deste acordo, ABANCA conta cunha rede comercial formada por 98 oficinas minoristas, 2 de empresas, 1 de banca persoal e 1 de banca privada, que suman en conxunto un total de 579 profesionais. Na Coruña, ABANCA incrementou a concesión de crédito ata outubro nun 2,3% tanto en longo empresa como en operacións de circulante.