ABANCA habilita financiamento por importe de 375 millóns para as áreas empresariais da contorna da Coruña
- A entidade abre unha nova liña de crédito adicional, en condicións preferentes, para financiar investimentos na industria coruñesa e apoiar a modernización e competitividade do seu tecido produtivo
- Este plan diríxese ás empresas dos polígonos de Agrela, Pocomaco, Sabón, Bergondo, Río do Pozo, As Pontes – Seara, Carballo, Espírito Santo - Cambre, Os Capelos – Carral e Alvedro
ABANCA acaba de activar unha liña adicional de crédito dotada con 325 millóns de euros, ampliable ata 375 millóns, para atraer proxectos de investimento que reforcen a competitividade das áreas empresariais da Coruña e a súa contorna. Este importe, que se sumará ás operacións de financiamento xa concedidas por ABANCA, supón un paso adiante no compromiso da entidade financeira co desenvolvemento do tecido económico do norte de Galicia.
O plan diríxese, en concreto, ás empresas dos polígonos de Agrela, Pocomaco, Sabón, Bergondo, Río do Pozo, As Pontes – Seara, Carballo, Espírito Santo - Cambre, Os Capelos – Carral e Alvedro, coas que o banco mantén unha sólida colaboración financeira.
Este novo acordo, que inclúe unha oferta financeira adaptada, foi subscrito na sede da Universidade Intercontinental da Empresa(UIE) na Coruña, nun encontro con distintos representantes das principais áreas empresariais da provincia. O director territorial de ABANCA na Coruña, Óscar Salgado, foi o encargado de expoñer os eixos desta iniciativa e de explicar a oferta financeira que comprende o plan ante os portavoces destes espazos industriais.
En representación das áreas empresariais participaron no encontro Ana María López, presidenta da Asociación de Empresarios de Agrela; Lucía López, presidenta da Asociación de Empresarios do Polígono de Pocomaco; Rebeca Rojano, presidenta da Asociación de Empresarios de Bergondo; José Castro, presidente da Asociación de Empresarios Seara; José Martínez, tesoureiro da Comunidade de Propietarios do Polígono de Carballo; Baudilio Brantuas, administrador da Comunidade de Propietarios do Polígono Industrial do Espírito Santo; Juan Vega, presidente da Entidade de Conservación Polígono Os Capelos, e Emilio Fernández, presidente da Comunidade de Propietarios do Polígono de Alvedro.
Charla sobre a contorna macroeconómica e ciberriscos
Tras a firma do acordo, os representantes das empresas destas áreas empresariais recibiron unha charla sobre a “Contorna macroeconómica e ciberriscos” a cargo de Pablo Monjardín, xerente de Asignación Global de Activos en ABANCA, e David Fernández Machí, Partnerships & Affinities en Hiscox España. Nela, abordáronse distintos temas da actualidade económica para coñecer de primeira man as inquietudes deste colectivo e abordar os desafíos do contexto actual. Ademais, recalcouse a importancia da prevención dos ciberdelitos a través de diversas ferramentas que están ao alcance das empresas.
Oferta integral
As operacións de financiamento correspondentes a esta iniciativa de apoio aos empresarios realizaranse a través dunha oferta financeira deseñada por ABANCA para cubrir, mediante diferentes produtos financeiros, as necesidades das compañías, desde a liquidez para o desenvolvemento das actividades do día a día ata o financiamento de investimentos a longo prazo. Neste sentido, as empresas destas áreas industriais poderán acceder a financiamento flexible a través de préstamos, leasing e distintas alternativas de financiamento oficial.
Do mesmo xeito, terán á súa disposición produtos deseñados para dar resposta ás necesidades correntes, como pólizas de crédito, anticipos, liñas de desconto comercial ou avais, así como fórmulas para xestionar o pago a provedores ou adiantar a cobranza de facturas. A oferta financeira inclúe tamén solucións específicas para comercio exterior.