ABANCA habilita unha liña de crédito de 200 millóns para mitigar os efectos da sequía en Castela e León
- O banco deseña unha oferta integral para responder ás demandas de FERDUERO e as comunidades de regantes da rexión ante o desafío ao que se enfrontan
- A entidade financeira pon a disposición do sector a súa experiencia e un catálogo de produtos e servizos para facer fronte a unha situación complicada para os agricultores e gandeiros da comunidade
ABANCA crea unha liña de crédito extraordinaria con 200 millóns de euros para facer fronte á situación de urxencia que vive o campo en Castela e León debido á importante seca que padece a rexión desde fai semanas.
A través deste importe, o banco dota aos agricultores e gandeiros que forman parte das Comunidades de Regantes de la Cuenca del Duero (FERDUERO) dun amplo catálogo de produtos adaptados ás súas necesidades particulares.
Os respectivos acordos foron asinados esta mañá en León polo director territorial de ABANCA en Castela e León/Asturias-Cantabria, Marcos Lamas, e o presidente da Asociación de Comunidades de Regantes de la Cuenca del Duero e do Sindicato Central del Embalse de los Barrios de Luna, Ángel González.
Nos acordos detállanse unha serie de produtos e servizos específicos deseñados pola unidade especializada ABANCA Agro para o sector, que ademais de verse prexudicado polos problemas da seca, sufriu tamén as consecuencias do aumento dos custos dos insumos no último ano, a volatilidade dos mercados e as inclemencias do tempo nos últimos días.
Facer fronte á situación de seca
Estes produtos e servizos permitirán aos regantes e clientes en xeral do sector primario, de explotacións de secano e mixtas, facer fronte á situación actual, pero tamén poñer en marcha novos proxectos e mellorar aspectos fundamentais dos actuais, como o fomento da sostibilidade, a mellora da eficiencia enerxética e a modernización das súas explotacións.
Os acordos tamén contemplan os préstamos persoais para as comunidades de regantes e os seus comuneiros, o leasing mobiliario, préstamos para anticipos de impostos, subvencións e gastos de campaña ou os anticipos da PAC, así como as novas liñas de financiamento ABANCA Agro multidestino e outras solucións como as alternativas de financiamento oficiais do ICO, SAECA e o Instrumento Financiero de Gestión Centralizada do MAPA. A maiores, os membros de ambas agrupacións, que supoñen unha gran maioría de agricultores e gandeiros de Castela e León, poderán acceder ao Programa Servizos ABANCA, que ofrece unha serie de vantaxes, como o aforro no pagamento dos servizos bancarios máis habituais.
A firma destes acordos e a posta en marcha da liña de crédito ante a situación actual que está azotando o campo únense aos diferentes convenios que a entidade financeira mantén con distintas asociacións, agrupacións, cooperativas e OPAs do sector primario da rexión, apostando así por unha parte fundamental da economía de Castela e León.