ABANCA Holding Financeiro conclúe os pagos ao FROB con ano e medio de adianto sobre o prazo previsto
- ABANCA Holding Financiero xa anticipou en 2016 pagos correspondentes a 2017 e 2018
ABANCA Holding Financeiro, cabeceira do grupo ABANCA, abonou ao FROB de maneira anticipada 300 millóns de euros correspondentes ao último prazo dos pagos establecidos no contrato de compravenda da entidade financeira, que foi adxudicada mediante un procedemento de poxa competitiva. Desta forma, ABANCA Holding Financeiro, controlada por Juan Carlos Escotet Rodríguez, finaliza os pagos ao FROB con ano e medio de adianto sobre o calendario previsto, que fixaba para mediados de 2018 a data na que debía saldarse o último dos tramos.
Con este pago cúmprese o compromiso, anunciado publicamente, de acelerar o pago das cotas o máximo posible: en maio do ano pasado xa se abonou a totalidade da cota de 2016 e anticipáronse pagos polo 50% da de 2017 e o 33% da de 2018. ABANCA cumpre así na súa totalidade o plan de privatización iniciado en 2013.
Tres anos de exitosa transformación
Desde a súa adquisición, ao longo do últimos tres anos ABANCA desenvolveu un plan de transformación integral dirixido a reformular o seu modelo de xestión e goberno corporativo, reforzar o seu perfil financeiro e reposicionarse no mercado.
Neste período a entidade incrementou a súa cota de mercado, acreditou a súa capacidade para xerar valor e rendibilidade de maneira recorrente, e asentou a súa posición de solvencia como unha das entidades máis sólidas do sector. Este esforzo foi recoñecido polas axencias de rating nas súas cualificacións, sendo a máis recente a mellora anunciada onte por Standard and Poor´s no rating emisor a longo prazo de ABANCA.