ABANCA impulsa a educación financeira de 5.200 escolares coa obra de teatro ‘Labirinto’
- Alumnos e alumnas de 47 centros escolares seguirán este xoves en directo desde as súas aulas a representación teatral a través de Afundación TV
- A actividade completarase o vindeiro luns 1 de marzo cun encontro online co director e os actores
- A produción teatral forma parte do programa de educación financeira que desenvolven ABANCA e Afundación ao longo do curso escolar
Un total de 5.196 alumnos e alumnas de 5º e 6º de Educación Primaria de 47 centros escolares asistirán este xoves 25 de febreiro desde as súas aulas á representación da obra de teatro ‘Labirinto’, que forma parte do programa de educación financeira que desenvolven ABANCA e Afundación ao longo do curso escolar.
Os escolares seguirán a retransmisión da proposta escénica en directo a través de Afundación TV co obxectivo de garantir a seguridade sanitaria. Ademais, este formato facilita que participen na actividade colexios de 17 provincias españolas: A Coruña, Lugo, Ourense, Pontevedra, León, Ávila, Burgos, Asturias, Cantabria, La Rioja, Albacete, Ciudad Real, Cuenca, Guadalajara, Alicante, Almería y Ceuta.
‘Labirinto’ é unha das tres montaxes teatrais encargadas por ABANCA á compañía Zarándula co fin de aproveitar o potencial das artes escénicas para captar a atención do público infantil e conseguir trasladar aos máis pequenos conceptos que doutro xeito resultaría complicado explicarlles.
Neste caso, o obxectivo da obra é transmitir aos nenos e nenas a importancia dunha correcta xestión da economía no fogar e como as súas accións poden ter un papel fundamental para mellorar o aforro familiar.
A actividade completarase o vindeiro luns 1 de marzo cun encontro en directo no que os escolares poderán facerlles preguntas ao autor e director da montaxe, Carles García, experto en economía financeira, e aos tres actores que poñen en escena a historia, María Martínez-Losa Ezquerro, Rubén García Buñuelos y Alejandro López Tejedor, que falarán aos alumnos e alumnas sobre consumo responsable e como asumir e superar as crises, entre outros temas que se abordan na obra.
Programa de educación financeira
A representación de ‘Labirinto’ e o posterior encontro co director e os actores protagonistas forma parte do programa de educación financeira deseñado por ABANCA e a súa Obra Social, Afundación, para este curso escolar marcado pola pandemia da covid-19, que obrigou a adaptar as propostas habituais para garantir as medidas de seguridade sanitaria.
O programa inclúe tamén outras actividades dirixidas ao público escolar que se poden seguir en liña tanto desde a aula como desde os fogares, como o xogo interactivo ‘A tola aventura do aforro’, que ten como finalidade achegar aos participantes conceptos financeiros que lles servirán na súa vida adulta, ou a aventura inmersiva ‘Segura-mente ABANCA’, na que o alumnado se enfronta a imprevistos simulados co fin de consolidar a súa capacidade de xestionar riscos e axustar decisións de investimento.