ABANCA impulsa o proxecto ABANCA ReSuena
O banco e a formación musical presentaron o segundo centro do proxecto, o CEIP Alborada, en Elviña
ABANCA vén de dar un paso máis no seu apoio ao proxecto social ABANCA ReSuena, promovido pola Orquesta Sinfónica de Galicia (OSG), coa entrega dun lote de 150 instrumentos musicais que permitirán ampliar a iniciativa que se desenvolve na actualidade no Centro Cívico Municipal de Monte Alto a un segundo centro educativo na Coruña, o CEIP Alborada.
O director xeral de Responsabilidade Social Corporativa e Comunicación de ABANCA, Miguel Ángel Escotet, e a directora de Responsabilidade Social Corporativa, Tatiana Suárez, participaron este xoves no acto de entrega dos instrumentos que se celebrou no colexio de Elviña. No encontro tamén estiveron presentes o xerente da OSG, Andrés Lacasa, o director artístico do proxecto, Diego Zecharies, e unha vintena de alumnos e alumnas que asisten actualmente ás clases no Centro Cívico de Monte Alto.
Este grupo de escolares, que forman parte da Orquesta Sinfónica ABANCA ReSuena, demostraron as habilidades musicais adquiridas durante as sesións formativas e intercambiaron impresións con outros alumnos presentes no acto.
Miguel Ángel Escotet destacou na súa intervención que o banco apostou por este proxecto desde os seus inicios porque “entendemos a música como unha ferramenta única para a integración e tamén para o estímulo da aprendizaxe dunha maneira lúdica e diferente, que ademais axuda a transmitir valores fundamentais para ABANCA como a dedicación, o traballo duro, a busca da excelencia e a superación artística”.
ABANCA ReSuena
O proxecto ABANCA ReSuena foi ideado pola OSG co obxectivo de promover o crecemento e o desenvolvemento dos nenos e mozos a través do traballo de grupo e individual, favorecendo a unión entre as diferentes capas da sociedade. A práctica musical conxunta permite desenvolver habilidades sociais para relacionarse e poder superar problemas de comportamento, ao tempo que facilita o desenvolvemento das súas aptitudes individuais.
O programa, de carácter gratuíto, comezou a funcionar no Centro Cívico Municipal de Monte Alto en 2014 e pretende implicar a todos os nenos, nenas, mozos e mozas, de 5 a 17 anos de idade, dos diferentes barrios da Coruña que estean interesados en aprender, vivir e compartir novas experiencias no mundo da música. Durante o curso 2014-2015 máis de 70 nenos e nenas participaron na iniciativa e aprenderon a tocar algún instrumento musical, o que permitiu a creación da Orquesta Sinfónica ABANCA ReSuena. En total, impartíronse máis de 1.500 horas de formación e máis de 50 horas de ensaio de orquestra completa e de concertos informais.