ABANCA impulsa unha nova edición do Foro Internacional do Deporte en León
- Ruth Beitia, campioa olímpica, súmase á nómina de deportistas confirmados, na que xa están recoñecidos deportistas como Gemma Mengual, Laia Sanz ou Roberto Carlos
- O banco renova o seu compromiso con este evento que achega á sociedade a experiencia de grandes figuras do deporte e contribúe a fomentar a práctica de exercicio físico
A Obra Social ABANCA e a Asociación Golden DreamsTeam renovaron o acordo de colaboración que manteñen para a organización do Foro Internacional do Deporte en León, un evento que chegará en setembro a súa terceira edición convertido xa nunha cita consolidada na axenda deportiva nacional tras o éxito obtido en 2017 e 2018.
O director territorial do banco en Asturias e León, Marcos Lamas, e o presidente da Asociación Golden DreamsTeam e director do FID León ABANCA, Francisco del Río, subscribiron este xoves o convenio que materializa o apoio do banco a esta iniciativa que reúne cada ano en León a algúns dos mellores deportistas e adestradores da historia do deporte para falar das súas experiencias persoais e profesionais e crear un espazo de análise e reflexión sobre o mundo do deporte e cara a onde se dirixe.
O III FID ABANCA terá lugar durante os días 18, 19 e 20 de setembro no Auditorio Cidade de León e contará coa participación de deportistas de máximo nivel como a nadadora de sincronizada Gemma Mengual, a piloto Laia Sanz ou o futbolista Roberto Carlos. A última en confirmar a súa presenza foi a atleta de salto de altura Ruth Beitia, que suma quince medallas en grandes campionatos, entre elas un ouro e un bronce olímpicos.
Como é habitual, o foro contará tamén cun amplo programa de actividades paralelas que teñen como obxectivo fomentar a práctica do deporte e a actividade física entre a cidadanía, así como facilitar o encontro entre os deportistas que participan e os seus seguidores.
O apoio do banco a este evento enmárcase dentro do seu compromiso con León e coa promoción do deporte, unha das liñas estratéxicas da actividade que desenvolve a través da súa Obra Social, Afundación. Todas as iniciativas impulsadas polo banco neste ámbito teñen como obxectivo difundir a toda a sociedade os valores intrínsecos á práctica deportiva, como a perseveranza, o xogo limpo, o compromiso, a igualdade, o traballo en equipo, o afán de superación ou o compañeirismo.
Os abonos para gozar dos tres días do evento ao completo xa están á venda na web FIDLeon.org a un prezo promocionado de tan só 15 euros até o 30 de xuño. Desde a organización celébrase a gran resposta dos leoneses desde a saída á venda dos mesmos e é que esta edición promete ser unha experiencia única para a provincia de León.