ABANCA inaugura a súa nova oficina principal en Vigo
- As instalacións foron remodeladas en profundidade para adaptalas ao novo modelo de relación cos clientes, máis aberto, confortable, dixital e sostible
- ABANCA ten na cidade unha rede de 42 sucursais, 170.000 clientes e un cadro de persoal de preto de 800 profesionais
O presidente de ABANCA, Juan Carlos Escotet Rodríguez, e o conselleiro delegado, Francisco Botas, inauguraron esta tarde a nova oficina principal (OP) do banco en Vigo, acompañados polo alcalde, Abel Caballero, e por un centenar de invitados.
As instalacións, situadas na sede corporativa de ABANCA, foron reformadas integramente nos últimos meses para adaptalas ao novo modelo de relación do banco cos seus clientes, con espazos máis abertos, dotados da última tecnoloxía e cunha construción e equipamento máis sostibles.
Na súa intervención durante o evento, Juan Carlos Escotet Rodríguez presentou a nova axencia como “un espazo no que o cliente é o verdadeiro centro da experiencia, que ofrece novas ferramentas comerciais aos profesionais, que destaca pola apertura dos seus espazos e que potencia as súas capacidades”.
Asegurou que implantar o novo concepto comercial de ABANCA neste centro e “recoller e potenciar as súas singularidades foi un reto para o banco”, dado que se trata de “unha das nosas oficinas máis emblemáticas” polas súas dimensións, negocio xestionado e localización nunha das principais arterias de Vigo.
As novas dependencias, que ocupan unha superficie de 850 metros cadrados na entreplanta do edificio de García Barbón, 1, caracterízanse por un deseño e distribución de espazos orientados a ofrecer ao cliente unha experiencia máis confortable e personalizada. Incorporan recursos dixitais e tecnolóxicos de vangarda no sector financeiro, que favorecen a conexión e mobilidade das persoas e unha interacción máis directa cos usuarios.
A actual disposición das estancias, con maior amplitude e sen obstáculos visuais, guía ao cliente a través de espazos diferenciados en función do servizo que necesite: operacións bancarias, atención especializada ou asesoramento comercial personalizado.
A sucursal conta cun posto de benvida, tres mostradores de caixa, once mesas de atención comercial e cinco salas de reunións para as xestións con usuarios que requiren de maior privacidade e dedicación, ademais dunha área de traballo reservada para o persoal interno. O equipamento complétase cun novo espazo de autoservizo 24 horas, máis accesible e provisto de cinco caixeiros automáticos de última xeración.
Enerxía renovable e consumos eficientes
A sostibilidade é un dos sinais de identidade deste novo expoñente da evolución no modelo comercial de ABANCA. Na modernización prestouse especial atención a aspectos como a eficiencia enerxética; o control de consumos, e ao aproveitamento da luz solar, aforro de auga ou mellora da calidade ambiental do inmoble.
Entre outras medidas implantadas no edificio, instalouse iluminación LED e substituíronse os combustibles fósiles por enerxía 100% de orixe renovable, xerando un aforro total en consumo eléctrico de 9.000 kWh/ano. Co obxectivo de reducir a pegada de carbono do centro, tamén se potenciou a xestión e reciclaxe de residuos a través do proxecto Residuo Cero.
Compromiso con Vigo
Juan Carlos Escotet Rodríguez remarcou que esta renovación integral supón un claro exemplo do compromiso do banco con Vigo. “Esta transformación é só a cara visible dunha declaración de intencións de maior calado: coñecemos o legado que ABANCA atesourou na cidade de Vigo durante as últimas décadas e imos poñer todos os nosos esforzos en defendelo e amplialo”, subliñou. A OP de ABANCA en Vigo é o espazo financeiro de referencia na localidade e a súa área metropolitana. Dá servizo a máis de 27.000 clientes e conta cun equipo humano de máis de 30 profesionais especializados en distintos segmentos e áreas de negocio.
Este centro é a cabeceira dunha ampla rede de ABANCA na cidade, conformada por 42 oficinas, que xestionan no seu conxunto a 170.000 clientes e un volume de negocio de 12.000 millóns de euros. Entre os equipos comerciais e as áreas de apoio ao negocio situadas na sede de García Barbón, ABANCA emprega en Vigo a preto de 800 persoas. Na Territorial de Vigo ABANCA suma 81 oficinas -78 minoristas e 3 de empresas- e 320.000 clientes.
ABANCA é o único banco que conta nesta gran urbe galega con dúas axencias especializadas en empresas, unha rápida con atención de caixa en horario de mañá e tarde, e dúas desprazadas que dan servizo ao Concello e ao campus universitario. É tamén a única entidade financeira en sete parroquias da periferia deste municipio.
Tras a reforma da OP, ABANCA segue avanzando na ambiciosa transformación da súa sede de García Barbón para abrir este singular inmoble ao mundo da empresa, a economía e a sociedade de Vigo e a súa área de influencia.