ABANCA inaugura coa visita do Premio Nobel da Paz, Kailash Satyarthi
- ABANCA porá en marcha novas iniciativas para promover o debate e fomentar unha cultura emprendedora
O vicepresidente de ABANCA, Juan Carlos Escotet Rodríguez, presentou esta mañá en Santiago Palabras para Galicia, unha iniciativa que acollerá aquelas accións da entidade financeira galega que teñan como obxectivo promover o debate, fomentar o emprendemento e a posta en marcha de proxectos que permitan construír unha sociedade máis xusta e responsable.
“Baixo o título de Palabras para Galicia queremos crear un espazo para o coñecemento e o intercambio de ideas, un foro que nos permita coñecer as experiencias e pensamentos de grandes personalidades cuxas traxectorias vitais cremos que nos poden axudar a propor solucións innovadoras aos problemas que afectan á nosa sociedade”, explicou Juan Carlos Escotet durante a súa intervención.
O vicepresidente de ABANCA presentou tamén a primeira testemuña desta iniciativa, o Premio Nobel da Paz 2014, Kailash Satyarthi, que ofrecerá esta tarde na Coruña a conferencia Educación para unha sociedade sustentable: Construíndo alianzas innovadoras. No relatorio Kailash Satyarthi compartirá a súa experiencia vital contra a utilización de nenas e nenos para traballos que non lles corresponden e a necesidade de avanzar na construción dunha sociedade máis responsable. O acto contará tamén coa actuación especial do Coro de Mans Brancas ABANCA Resoa, os coros da Orquestra Sinfónica de Galicia e Carlos Núñez.
“Cremos que Kailash Satyarthi é un exemplo de compromiso social e de loita por ofrecer un horizonte de esperanza aos nenos e mozos do seu país polo que a súa elección para inaugurar Palabras para Galicia non é casual”, sinalou o vicepresidente de ABANCA.
Durante a súa estancia en Galicia, o Nobel tamén participará este venres nun encontro con máis de 350 mozos no IES Rosalía de Castro de Santiago de Compostela no que poderá trasladarlles a súa experiencia na loita pola defensa dos nenos e mozos no seu país de orixe e a importancia da educación na sociedade, entre outras cuestións.
ABANCA e Global Shapers
Ademais do exemplo Kailash Satyarthi, Juan Carlos Escotet Rodriguez avanzou outras iniciativas que ABANCA porá en marcha nos próximos meses para fomentar o emprendemento e axudar aos mozos desde a entidade. “Queremos pór sobre a mesa o debate sobre a importancia de apoiar ás novas xeracións, concienciar sobre o papel que desenvolve a educación no seu futuro e fomentar a cultura emprendedora”, sinalou.
Neste sentido, destaca a posta en marcha da iniciativa Que queres facer coa túa vida na que ABANCA contará coa axuda de Global Shapers (un grupo internacional de emprendedores que lograron o éxito a través da formación, o esforzo e o talento) para promover o debate sobre a situación da mocidade en Galicia, Asturias e Castela e León.
Acerca de Kailash Satyarthi
Kailash Satyarthi é o fundador da organización social Bachpan Bachao Andolan. Defensor dos dereitos humanos, iniciou en 1980 unha cruzada contra o traballo e o analfabetismo infantil. Como activista liderou o rescate de máis de 80.000 nenos en graves condicións de abandono e abuso laboral, e desenvolveu un modelo de éxito para a súa educación e rehabilitación social. En 1998, Kailash Satyarthi organizou ‘A Marcha Mundial contra o Traballo Infantil’ coa que percorreu 103 países e mobilizou os esforzos internacionais para protexer e promover os dereitos de todos os nenos, especialmente o dereito a recibir unha educación gratuíta. Desde entón foi recoñecido internacionalmente pola inclusión do traballo infantil na axenda social e política global. O ano pasado foi recoñecido co Premio Nobel da Paz, galardón que compartiu con Malala Yousefzai.