ABANCA inaugura en Ferrol a exposición que desvela o proceso creativo de Leiro
- 'Os traballos e os días. Francisco Leiro' reúne unha selección de obras do artista e material audiovisual do documental 'Sísifo Confuso'
ABANCA, en colaboración con Afundación e Arraianos Producións, abre ao público este xoves 16 de marzo en Ferrol a exposición 'Os traballos e os días. Francisco Leiro', que ofrece a posibilidade de contemplar unha selección de obras dunha das grandes figuras do panorama da arte galega actual e tamén ser testemuñas excepcionais do seu proceso creativo entre Cambados, Madrid e Nova Iorque.
A exposición reúne nove esculturas e cinco traballos en papel producidos desde os anos 90 ata a actualidade que forman parte das coleccións de arte de ABANCA e Afundación.
Entre as obras seleccionadas atópanse algunhas tan significativas como as catro 'Recolectoras' (2003) ou 'Fauno' (2007), cinco pezas en madeira en gran formato que alcanzaron un verdadeiro status simbólico na escultura galega contemporánea. O seu traballo en granito, outro dos materiais de referencia na súa produción artística, tamén está reflectido na mostra coa escultura 'Cabeza', de 1988.
O proxecto expositivo enriquécese cun interesante material multimedia procedente do documental 'Sísifo Confuso. Traballos e días de Francisco Leiro', escrito e dirixido por Aser Álvarez para Arraianos Producións que tamén se presentará na cidade departamental no marco desta exposición. Unha serie de fotografías en gran tamaño e varias pezas audiovisuais que nos ofrecen unha visión inédita tanto do artista como do seu proceso creativo, que se desenvolve entre Cambados, Madrid e Nova Iorque.
É a primeira vez que o artista abre as súas portas a un equipo audiovisual, polo que o proxecto ofrécenos unha oportunidade única de ser testemuñas desde un punto de vista persoal e íntimo de como leva a cabo a súa produción o artista galego con maior proxección internacional na actualidade.
Para completar esta ampla visión sobre o traballo de Francisco Leiro, a mostra inclúe varias fotografías de esculturas realizadas polo artista situadas en espazos públicos, entre elas o 'Guerreiro' que se pode contemplar na ferrolá Praza de San Amaro. Esta serie de imaxes reflicte a importancia que tamén ten a escultura civil na traxectoria do artista.
Este proxecto expositivo responde a unha das liñas estratéxicas de ABANCA no marco da súa política de RSC, que é contribuír dentro das súas posibilidades a divulgar a cultura e o coñecemento dos artistas galegos, ao mesmo tempo que ofrece a todos os cidadáns a posibilidade de gozar do seu rico patrimonio artístico.
A exposición poderá visitarse ata o 10 de xuño na sede de Afundación de Ferrol en horario de luns a venres de 17.00 a 21.00 horas e os sábados, de 11.00 a 14.00 e de 17.00 a 21.00 horas.
Programa didáctico
Con motivo desta exposición, ABANCA e Afundación organizaron un programa de actividades con tres propostas específicas en función da idade á que van dirixidas: ‘Os oídos máxicos de Francisco Leiro’, pensada para nenos de infantil e primeiros cursos de primaria; ‘As historias que os bosques galegos saben contar’, para escolares desde 4º de Primaria a primeiro ciclo de ESO, e ‘Francisco Leiro, escultor’, para segundo ciclo de ESO e Bacharelato. Neste momento xa se anotaron para participar nas diferentes actividades un total de 85 escolares.