ABANCA inaugura en Santiago a exposición ‘O debuxo na Colección ABANCA’
- A proposta ofrece un achegamento completo á arte do debuxo a través de 107 obras de 16 artistas da Colección ABANCA
- A exposición estará aberta ao público no Centro Obra Social ABANCA ata o próximo 30 de setembro
ABANCA presentou hoxe en Santiago de Compostela a exposición ‘O debuxo na Colección ABANCA’, que ofrece un achegamento global a esta modalidade artística a través dunha selección de 107 debuxos dos máis de 400 que forman parte do fondo artístico do banco.
Na mostra están representados 16 creadores, fundamentalmente galegos, entre os que destacan figuras con amplo recoñecemento na historia da arte do noso país, como Castelao, Isidoro Brocos, Francisco Lloréns, Isaac Díaz Pardo, Arturo Souto, Laxeiro ou Luís Seoane.
A formulación da exposición vai máis aló dun percorrido puramente cronolóxico. Está estruturada en tres partes, en función do tipo de debuxo. En primeiro lugar, recóllense unha gran serie de debuxos que teñen valor como obras definitivas. É o caso das obras de Castelao, unha selección da serie de 175 debuxos que foron publicados orixinalmente no diario Galicia de Vigo entre 1924 e 1925. En segundo lugar, móstranse debuxos que son apuntamentos, bosquexos ou estudos de academia. Neste bloque atópanse, por exemplo, os apuntamentos de viaxe realizados por Isidoro Brocos ou Francisco Lloréns. Por último, exhíbense debuxos preparatorios de obras maiores, como os da serie de Palomares de Jorge Castillo.
O achegamento á arte do debuxo complétase con información sobre a técnica e os materiais utilizados polos artistas, como poden ser lapis, plumas, ceras, carbón, pasteis, pigmentos e xices, entre outros, aos que debemos sumar todas as superficies sobre as que é posible debuxar, entre elas papeis diversos, cartón, teas, etc.
Deste xeito, o espectador que visite a mostra poderá ter unha visión moi ampla e de gran riqueza sobre esta modalidade artística. O proxecto conta co diseño expositivo de José Luis Rey, do estudio Mihura/Romero/Rey Arquitectura, e inclúe tamén un catálogo dixital que está dispoñible para a súa descarga gratuíta na páxina web da Colección de Arte ABANCA.
A exposición estará aberta ao público no Centro Obra Social ABANCA desde o 30 de marzo ata o 30 de setembro, en horario de 11.00 a 14.00 horas e de 17.00 a 20.00 horas de luns a venres. Os sábados e festivos, o horario será de 11.30 a 13.00 horas e de 17.00 a 20.00 horas. Os domingos permanecerá pechada.