ABANCA inaugura en Santiago a exposición ‘Os traballos e os días de Francisco Leiro’
- Neste proxecto expositivo o banco conta coa colaboración de Afundación e Arraianos Producións
- A mostra reúne unha selección de obras do artista das coleccións do banco e Afundación e material audiovisual do documental ‘Sísifo confuso’
ABANCA, en colaboración con Afundación e Arraianos Producións, presenta este martes 22 de marzo en Santiago de Compostela a exposición ‘Os traballos e os días de Francisco Leiro’, que ofrece a posibilidade de gozar da obra dunha das grandes figuras do panorama da arte galega actual e tamén ser testemuñas excepcionais do seu proceso creativo entre Cambados, Madrid e Nova Iorque.
A exposición reúne doce esculturas e cinco traballos en papel producidos dende os anos noventa ata a actualidade que forman parte das coleccións de arte de ABANCA e Afundación.
Entre as obras seleccionadas atópanse algunhas tan significativas como ‘Muda o Cacho’ (1997), as catro ‘Recolectoras’ (2003) ou ‘Fauno’ (2007), tres pezas en madeira en gran formato que acadaron un verdadeiro estatus simbólico na escultura galega contemporánea. O seu traballo en granito, outro dos materiais de referencia na súa produción artística, tamén está reflectido na mostra coa escultura ‘Cabeza’, de 1988.
O proxecto expositivo complétase cun interesante material multimedia procedente do documental ‘Sísifo confuso. Traballos e días de Francisco Leiro’, escrito e dirixido por Aser Álvarez para Arraianos Producións. Unha serie de fotografías en gran tamaño e unha peza audiovisual sobre cada un dos seus tres lugares de traballo ofrécennos unha visión inédita tanto do artista como do seu proceso creativo, que se desenvolve entre Cambados, Madrid e Nova Iorque.
Este material é unha primeira pincelada dun gran proxecto documental que será presentado no contexto d esta exposición e que é o resultado de tres anos documentando e filmando o día a día de Leiro nos espazos nos que desenvolve o seu traballo e a súa vida. É a primeira vez que o artista abre as súas portas a un equipo audiovisual, polo que o proxecto ofrécenos unha oportunidade única de ser testemuñas dende un punto de vista persoal e íntimo de como leva a cabo a súa produción o artista galego con maior proxección internacional na actualidade.
Tanto na exposición como no documental as imaxes están acompañadas dun fondo musical orixinal creado por Lucía Martínez tomando como base os sons das ferramentas que emprega Francisco Leiro no seu traballo.
Este proxecto expositivo responde a unha das liñas estratéxicas de ABANCA no marco da súa política de RSC, que é contribuír dentro das súas posibilidades a divulgar a cultura e o coñecemento dos artistas galegos, ao mesmo tempo que ofrece a todos os cidadáns a posibilidade de gozar do seu rico patrimonio artístico.
Horario e visitas comentadas
A exposición poderá visitarse no Centro ABANCA Obra Social (Praza de Cervantes, s/n) ata o 4 de xuño, en horario de luns a venres, de 11.30 a 13.30 e de 17 a 21 horas, e os sábados, domingos e festivos, de 17 a 21 horas.
Para todas aquelas persoas interesadas en coñecer con maior profundidade a figura de Francisco Leiro realizaranse visitas comentadas gratuítas á exposición todos os venres ás 19 horas.