ABANCA inaugura en Santiago a exposición ‘Pintura escrita. Arte e Literatura. Colección ABANCA’
- O proxecto reúne 46 obras da Colección ABANCA que comparten protagonismo con fragmentos literarios de grandes autores e documentos de gran valor histórico
- A exposición poderá visitarse no Centro Obra Social ABANCA ata o 7 de xaneiro
ABANCA presentou en Santiago de Compostela a exposición ‘Pintura escrita. Arte e Literatura. Colección ABANCA’. Este novo proxecto expositivo do banco poderá visitarse no Centro Obra Social ABANCA da céntrica Praza de Cervantes ata o 7 de xaneiro.
A mostra reúne 46 obras da Colección ABANCA que dialogan cunha selección de fragmentos escritos de grandes autores da literatura universal, construíndo unha proposta cultural que permite gozar ao mesmo tempo da arte e a lectura.
As obras escollidas para esta exposición pertencen a creadores de diferentes épocas e estilos, que, dalgunha maneira, remítennos ou inclúen referencias ao campo das letras e a literatura. Estas obras compleméntanse con citas literarias de diversos poemas, novelas ou ensaios, de modo que se convida ao espectador a mirar, pero tamén a ler.
Na relación de artistas seleccionados atopamos creadores con gran recoñecemento nacional e internacional como André Lhote, Urbano Lugrís, Manuel Viola, Luis Seoane, José Frau ou Carlos Alcolea, xunto con outros máis contemporáneos como Juliâo Sarmento, Antón Lamazares ou Pamen Pereira.
As citas literarias que acompañan aos cadros pertencen a grandes autores da literatura universal, como Platón, Thomas Mann, Paul Auster, Valle Inclán ou Miguel de Cervantes, que comparten protagonismo con grandes figuras da literatura galega como Eduardo Pondal, Rosalía de Castro, Eduardo Blanco Amor, Emilia Pardo Bazán, Salvador García-Bolaño ou Camilo José Cela, entre outros.
A exposición complétase cunha selección de libros e documentos procedentes do Fondo Bibliográfico de ABANCA, así como unha serie de obras orixinais cedidas para este proxecto pola Biblioteca de Galicia e a Fundación Camilo José Cela. Entre estes documentos, destacan exemplares de gran interese bibliográfico, como a primeira edición de Galicia de Manuel Murguía, o manuscrito orixinal de La Colmena de Camilo José Cela, o Regionalismo de Alfredo Brañas na súa edición orixinal de 1889, Follas Novas de Rosalía de Castro na edición de 1880 ou un interesante exemplar das Metamorfosis de Ovidio publicado no ano 1599.
Horario
‘Pintura escrita. Arte e literatura. Colección ABANCA’ estará aberta ao público no Centro Obra Social ABANCA de Santiago de Compostela desde o 18 de xullo ata o 7 de xaneiro, en horario de luns a venres de 11.00 a 14.00 horas e de 17.00 a 20.00 horas. Os sábados e festivos, o horario será de 11.30 a 13.00 horas e de 17.00 a 20.00 horas. Os domingos permanecerá pechada.