ABANCA inaugura en Santiago a exposición ‘Tino Grandío. Correspondencias’
- O banco adiántase á celebración do centenario do nacemento do pintor lucense, que terá lugar en 2024
- Obras de Grandío das coleccións de ABANCA e Afundación dialogan con creacións de artistas contemporáneos
- A exposición estará aberta ao público no Centro Obra Social ABANCA ata o próximo 27 de abril
Descarga los contenidos anexos
ABANCA presentou este xoves 26 de outubro en Santiago de Compostela a exposición ‘Tino Grandío. Correspondencias’, que devolve á actualidade a figura deste pintor natural de Lousada (Lugo) adiantándose á celebración do centenario do seu nacemento, que terá lugar en 2024.
Grandío é un artista cun estilo moi persoal dentro da propostas da arte en Galicia nos anos cincuenta, sesenta e setenta, que se situou na vangarda da linguaxe pictórica europea na segunda metade do século XX. Conectou cos presupostos da nova figuración, pero rapidamente a súa obra tomou unha senda particular, renovando a herdanza histórica do país, como Velázquez, Goya ou Picasso, e executando unha pintura de cariz expresionista pero cun gran contido social.
‘Tino Grandío. Correspondencias’ conta co comisariado da Cooperativa Performa (David Barro, Mónica Maneiro e Iñaki Martínez Antelo) e é o primeiro proxecto dun ciclo de exposicións que nace coa intención de proxectar e revisar desde o presente a obra de artistas que forman parte das coleccións de arte de ABANCA e Afundación. Esta revisión realízase a partir dunha mirada contemporánea, en complicidade con artistas de distintas xeracións e disciplinas.
De acordo con este enfoque, a exposición que poderemos contemplar os próximos meses no Centro Obra Social ABANCA inclúe obras de Tino Grandío dos fondos artísticos do banco e a súa Obra Social, onde está amplamente representado, que entran en diálogo con creacións doutros artistas contemporáneos, principalmente galegos, que teñen na figura do pintor de Lousada a un dos seus referentes.
Liñas temáticas e xéneros artísticos
O proxecto expositivo organízase en base ás grandes liñas temáticas e revisión de xéneros artísticos que percorren a obra de Grandío ao longo de toda a súa traxectoria. Por exemplo, os retratos e os achegamentos aos espazos de reunión da vida social e cultural dialogan coa obra de artistas como Alain Urrutia ou Víctor Mejuto, que transitan camiños creativos afíns.
O xénero da paisaxe preséntase a través dunha serie de mariñas que establecen conexións con creacións como a peza audiovisual de Carla Andrade Amarillo atlántico ou o traballo doutros autores como Cristina Garrido, Álvaro Negro ou Manuel Eirís.
Outro bloque temático ten como protagonista á muller, que conta cunha presenza importante na obra de Grandío. O seu exercicio de desprendemento e condensación conecta ben coa visión conceptual de artistas como Julião Sarmento, que presenta na exposición a súa instalación Kiss my eyes (with chairs). E fronte á a visión masculina e clásica sobre o corpo feminino de Grandío, móstrase a visión contemporánea e feminista de artistas como Eulàlia Valldosera ou Xisela Franco.
O bodegón é tamén un dos temas nos que Grandío exercita unha figuración máis profusa. Neste caso, entran en correspondencia cos realizados por Los Bravú, a parella de artistas formada por Dea Gómez e Diego Oimil, e coas obras nas que Tamara Feijoo achégase ao tema dos Hortus conclusus, os xardíns privados da pintura relixiosa gótica e máis tarde flamenca.
Por último, a visión sobre o territorio rural galego. Os labores do campo, as ferramentas usadas polos labradores ou as escenas de feira son habituais na obra do lucense. As conexións establécense neste caso coas creacións de Christian García Bello e Julia Huete.
Horario
‘Tino Grandío.Correspondencias’ estará aberta ao público no Centro Obra Social ABANCA de Santiago de Compostela desde o 26 de outubro ata o 27 de abril, en horario de 11.00 a 14.00 horas e de 17.00 a 20.00 horas de luns a venres. Os sábados e festivos, o horario será de 11.30 a 13.00 horas e de 17.00 a 20.00 horas. Os domingos permanecerá pechada.