ABANCA inaugura no Museo Thyssen-Bornemisza a exposición ‘Picasso e o cubismo’
- Doce obras de Picasso, Juan Gris, Braque e outros cinco artistas de máximo nivel repasan a importancia e influencia deste movemento na historia da arte
- A mostra estará aberta ao público ata o 13 de decembro
ABANCA inaugura este xoves 15 de outubro no Museo Thyssen-Bornemisza a exposición ‘Picasso e o cubismo na Colección de Arte ABANCA’. A mostra reúne doce obras seleccionadas dos fondos artísticos do banco que permiten realizar un percorrido por un dos acontecementos pictóricos máis relevantes do século pasado.
O acto inaugural contará coa presenza do vicepresidente de ABANCA, Juan Carlos Escotet Rodríguez, o director xerente do Museo Thyssen-Bornemisza, Evelio Acevedo, e o comisario da exposición e conservador do museo, Juan Ángel López Manzanares.
É a primeira vez que ABANCA presenta en Madrid unha selección de obras da súa colección de arte, un dos conxuntos artísticos de carácter privado máis importantes de España. Faino, segundo indicou Juan Carlos Escotet na presentación, “nun espazo que se converteu nun dos emblemas culturais de España e Europa”.
O vicepresidente de ABANCA incidiu en que iniciativas como esta dan resposta á vocación de difusión do banco. “As exposicións con fondos propios son un exemplo da necesidade e o interese do banco por poñer a disposición do público este gran patrimonio artístico que temos a vontade de seguir conservando e enriquecendo”, sinalou.
Nesta ocasión, o protagonismo absoluto da exposición recae na figura de Pablo Picasso, un dos grandes xenios da arte do século XX. A Colección ABANCA conta con cinco obras do artista malagueño que se poderán contemplar xunto a seis lenzos de María Blanchard, Jean Metzinger, Juan Gris, Manuel Ángeles Ortiz, George Braque e Fernand Léger, e unha escultura de Julio Gonzaléz. A modesta selección realizada ofrece un fiel reflexo do que representou na súa época este movemento de vangarda internacional e a influencia que exerceu en artistas posteriores.
A exposición, de carácter gratuíto, estará aberta ao público no museo madrileño ata o 13 de decembro.
Unha colección de referencia en España
A Colección de Arte ABANCA está integrada por 1350 obras entre pinturas, esculturas, fotografías, gravados, debuxos e instalacións de 250 artistas tanto españois como internacionais, todas elas unidas por un eixe vertebrador que é a arte moderna e contemporánea.
Ten a súa orixe en Galicia na década dos anos 70. Nunha primeira etapa prestou especial atención ao traballo dos artistas galegos, o que lle permitiu contar agora cun conxunto de nomes e obras que simbolizan traxectorias e etapas da historia artística de Galicia como Castelao, Laxeiro, Luís Seoane, Urbano Lugrís, Leopoldo Nóvoa ou Francisco Leiro.
Nunha segunda fase, a colección foise completando con obras de artistas de recoñecido prestixio nacional e internacional, como poden ser Picasso, Leger, Miró, Dalí, Braque, Millares, Chillida, Tàpies, Juan Muñoz ou Barceló, entre outros. O resultado é un conxunto de gran interese artístico para coñecer a evolución e os movementos que definiron a historia da arte do século XX que recentemente foi declarado Ben de Interese Cultural.
Guía dixital
O público que visite ‘Picasso e o cubismo na Colección de Arte ABANCA’ poderá ampliar a información sobre os artistas e as obras que se expoñen grazas á app para dispositivos móbiles ‘Colección de Arte’.
A aplicación, de carácter gratuíto, está dispoñible para dispositivos Android e Apple. A través da tecnoloxía de realidade aumentada permite acceder comodamente á ficha artística da obra, afondar na biografía do autor ou consultar outros cadros do mesmo creador que estean presentes na mostra. Para facelo só é necesario enfocar a obra coa cámara do dispositivo móbil e seleccionar no menú a sección correspondente.
Máis información sobre a Colección de Arte ABANCA na web: http://coleccion.abanca.com/gl/