ABANCA inaugura RN30
- As novas instalacións caracterízanse pola súa apertura de espazos, tecnoloxía e sostibilidade
- Os clientes benefícianse de maior comodidade, máis capacidade funcional e un mellor servizo na realización das súas xestións
- Entre 2017 e 2020 o banco prevé investir na súa rede comercial máis de 50 millóns de euros na reforma dunha superficie total de 75.000 metros cadrados
O presidente de ABANCA, Juan Carlos Escotet Rodríguez, e o conselleiro delegado, Francisco Botas, presentaron hoxe as instalacións de RN30, que acollen a oficina principal e os servizos centrais da entidade financeira na Coruña. A súa reforma integral, realizada ao longo dos últimos meses, supón unha nova mostra do compromiso de ABANCA con Galicia como localización de proxectos innovadores e sostibles.
Na súa intervención, o presidente de ABANCA, Juan Carlos Escotet Rodríguez, referiuse ás novas instalacións como “un modelo que aúna espazo aberto, tecnoloxía e sostibilidade”. “Este edificio é o resultado dunha nova forma de facer banca, coa que estamos revolucionando tanto a atención e o servizo aos nosos clientes como a forma de traballar dos nosos equipos”, explicou.
Pola súa parte, o conselleiro delegado da entidade, Francisco Botas, destacou como vantaxes deste novo espazo “a súa maior capacidade tecnolóxica, axilidade, flexibilidade, comodidade e transparencia, así como un menor consumo de recursos”. “É un modelo de éxito probado que xa temos aplicado noutros espazos de ABANCA e que seguiremos estendendo na nosa rede comercial e nas nosas sedes corporativas nos próximos anos”, sinalou.
Acto de inauguración
Por outro lado, esta tarde terá lugar un acto de inauguración para clientes que reunirá a máis de 200 invitados, e que tamén contará coa presenza do presidente da entidade, Juan Carlos Escotet Rodríguez, e do conselleiro delegado, Francisco Botas. Acompañados por persoal do banco, que lles mostrará as principais novedades das instalacións, os asistentes visitarán tanto a nova oficina de atención ao cliente, situada na planta baixa, como as dependencias dos equipos de traballo de ABANCA, que ocupan o resto de alturas e teñen capacidade para máis de 500 profesionais.
Reforma integral enfocada á sostibilidade
O edificio, situado en Rúa Nueva, 30, foi sometido nos últimos meses a un proceso de renovación integral que supuxo a súa completa transformación. Os criterios seguidos no seu deseño e execución son a apertura de espazos, o uso intensivo da tecnoloxía e a sostibilidade.
O concepto open space tradúcese nunha disposición de espazos totalmente nova, con máis amplitude e movilidade para as persoas. Todo isto compón unha contorna de maior comodidade para clientes e empregados. Tanto na oficina de atención ao público como nas plantas adicadas aos equipos de traballo, o edificio conta con espazos adaptados a tódalas situacións que se presentan no día a día, desde encontros ou xestións rápidas que requiren axilidade e comunicación sen barreiras, ata reunións que necesitan unha maior privacidade.
En materia de dotación tecnolóxica, ABANCA introduciu como ferramenta fundamental de traballo para os seus profesionais o dispositivo Microsoft Surface, que proporciona movilidade, flexibilidade e funcionalidade completa. Adicionalmente, a entidade renovou os seus caixeiros automáticos con dispositivos de última xeración, incorporou infraestructura wifi, e potenciou os seus sistemas de telecomunicacións, entre outras actuacións.
Ademáis de incrementar a produtividade, a aplicación destes recursos, que supoñen un gran salto tecnolóxico, permite ofrecer un mellor servizo ao cliente. A nova oficina dispón da infraestrutura tecnolóxica máis avanzada para explicar o funcionamento de produtos e servizos financeiros, realizar simulacións, contratar produtos de forma rápida e cómoda, realizar todo tipo de operación a través dos caixeiros automáticos, etc.
A sostibilidade, enfocada ao menor consumo enerxético e doutros recursos, ocupa un lugar clave entre os principios de xestión de ABANCA. En 2018 ABANCA logrou unha redución do 2,2% no consumo de papel, do 10,6% no consumo enerxético por empregado e do 3,8% nas emisións de CO2 por empregado. A sede presentada hoxe é un edificio enerxéticamente intelixente que cun 35% máis de persoal que antes da reforma consume un 15% menos de enerxía.
Plan de adecuación da rede
A renovación das súas instalacións forma parte do proceso de transformación desenvolvido por ABANCA nos últimos anos. É, de feito, un dos seus principais fitos, á altura da introdución dun novo modelo comercial, o lanzamento de novos produtos diferenciais, ou a creación de unidades especializadas para segmentos de negocio e colectivos de clientes con necesidades específicas.
Nos últimos anos a entidade implantou na súa rede comercial o denominado novo modelo de oficina de ABANCA, caracterizado pola apertura de espazos, o emprego masivo da tecnoloxía e a sostibilidade medioambiental. Estas oficinas están ubicadas en tódalas localidades significativas de Galicia e noutros moitos puntos do resto de España. Noutras moitas oficinas introducíronse melloras seguindo a mesma filosofía.
Nos próximos anos a entidade seguirá realizando novos investimentos para seguir transformando a súa rede. Para o peche de 2020 a entidade prevé ter reformado, sumando o total das actuacións desenvolvidas desde 2017, unha superficie de 75.000 metros cadrados, o que suporá un investimento de máis de 50 millóns de euros.