ABANCA incorpórase ao padroado da Fundación Oso de Asturias
- A entidade financeira tamén dará soporte a un equipo de campo e contribuirá ao fortalecemento das actividades educativas da fundación
- A colaboración forma parte do compromiso de ABANCA con Asturias e da súa estratexia de sostibilidade
O presidente da Fundación Oso de Asturias, Nicanor Fernández, e o director territorial de Castela e León e Asturias de ABANCA, Marcos Lamas, asinaron hoxe un convenio de colaboración polo que a entidade financeira pasa a formar parte do padroado da organización oseira, sumándose así ao destacado grupo de empresas e institucións que, encabezados polo Principado de Asturias, xa forman parte do mesmo. Durante a firma estivo tamén presente o director xeral do Medio Natural e Planificación Rural, David Villar.
Desde o Padroado, ABANCA colaborará activamente no desenvolvemento das actividades de conservación, protección e de investigación da Fundación Oso de Asturias. De forma especial, contribuirá a fortalecer a actividade educativa ambiental entre escolares, un dos capítulos máis destacados que desenvolve a FOA e no que participan todos os anos ao redor de quince mil alumnos. Ademais, prestará o apoio económico necesario para que a FOA dispoña dun equipo de campo que realizará labores de seguimento da poboación de osos no seu núcleo occidental –o máis nutrido–, participará na elaboración do censo da especie, prestará apoio aos Axentes do Medio Natural do Principado de Asturias, e ofrecerá información a visitantes das comarcas oseiras para que estes se axusten ás mellores prácticas ambientais.
Esta colaboración enmárcase no compromiso de ABANCA con Asturias, un territorio de especial relevancia para a entidade financeira e co desenvolvemento do seu proxecto de banca responsable e sostible, que ten como obxectivo contribuír ao desenvolvemento social e á protección ambiental.
Para o presidente da Fundación Oso de Asturias, Nicanor Fernández, a incorporación de ABANCA “é unha gran satisfacción polo que supón de respaldo ao traballo de recuperación e preservación dos hábitats dos osos, que son un activo fundamental dun medioambiente privilexiado. Pero que, ademais, vai permitir un salto adiante nas actividades de campo levadas ata o de agora pola FOA, así como na difusión das mellores prácticas ambientais entre os máis novos”.
Segundo o director xeral de Medio Natural e Planificación Rural, David Villar, vogal da Fundación, a incorporación de patróns como ABANCA “mostra como a biodiversidade no seu conxunto, e máis en especial especies emblemáticas como o oso pardo, son activos intanxibles que permiten atraer sensibilidades de entidades aparentemente non conectadas, pero que comparten ese interese común polo desenvolvemento sostible dunha sociedade que coida da súa natureza”.
Marcos Lamas, director territorial de ABANCA en Castela e León e Asturias, sinalou “o importante papel que a sostibilidade e o uso respectuoso do medioambiente poden xogar como factor económico e de oportunidades en áreas nas que non abundan, e como pode contribuír a fixar poboación mediante a creación de emprego”. Lamas destacou tamén a satisfacción da entidade financeira por sumar esta nova colaboración social a outras que xa leva a cabo en Asturias, comunidade na que desenvolve unha crecente actividade financeira.