ABANCA incorpórase ao padroado de EnergyLab e reforza o seu compromiso coa sostibilidade enerxética das pemes
- A entidade financeira súmase a un dos centros tecnolóxicos máis recoñecidos de Galicia, referente internacional en tecnoloxías de optimización enerxética
- O banco e o centro tecnolóxico renovan o seu convenio de colaboración, que busca ofrecer alternativas de financiamento adaptadas para promover a eficiencia enerxética
- A entidade financeira participará nun webinar especializado sobre proxectos fotovoltaicos de autoconsumo
ABANCA avanza na súa estratexia de impulso á sostibilidade e incorpórase ao padroado de EnergyLab. A entidade financeira súmase ao órgano de goberno dun dos centros tecnolóxicos galegos máis punteiros, referente no desenvolvemento de tecnoloxías sostibles, no que xa está representada a Administración autonómica a través de Inega, as universidades e outras entidades privadas.
Este apoio institucional coincide coa renovación do convenio de colaboración que manteñen as dúas entidades para promover a eficiencia e a sostibilidade enerxética no tecido empresarial. A rúbrica tivo lugar esta mañá e participaron a directora corporativa de EnergyLab, Marta González, e o coordinador de Institucional Vigo de ABANCA, José Luis Romero.
En termos prácticos, este texto dá un novo impulso ao financiamento deste tipo de investimentos a través de préstamos con amplos prazos de amortización, baixos xuros e posibilidade de introducir carencias. Fórmulas flexibles, áxiles na súa tramitación e totalmente personalizables que permiten ás pemes dos sectores industrial, terciario e transportes acometer investimentos en enerxías sostibles ou de optimización da eficiencia nos consumos das súas instalacións coas máximas flexibilidades de pagamento.
EnergyLab dispón dunha oferta de valor que destaca por ofrecer unha solución integral para as pemes que perseguen a súa mellora enerxética con enerxías sostibles denominada GoSafe with ESI, unha iniciativa con apoio da Unión Europea. Trátase dun paquete que comeza coa fase de estudo do proxecto, inclúe a implementación e permite monitorizar os aforros. No caso de que non se cumpra cos aforros contemplados, un seguro de caución asume o desvío respecto á proposta.
A sostibilidade, un eixe estratéxico
A entidade financeira será precisamente un dos participantes o vindeiro 23 de xuño nun webinar de GoSafe with ESI, no que se abordarán as vantaxes que ofrece a adopción de instalacións fotovoltaicas para promover o autoconsumo. O xerente de Convenios Privados de ABANCA, Enrique Marticorena, será o encargado de presentar nesta cita especializada as alternativas de financiamento para impulsar estas instalacións sostibles.
Tanto a incorporación ao padroado de EnergyLab como a renovación do convenio enmárcase na liña de traballo do banco para axilizar a transición cara a opcións máis sostibles. Esta estratexia vén recollida no seu Plan de Acción de Banca Responsable e Sostible, que presentou recentemente, e apoia a actividade económica sostible integrando no modelo de xestión, de negocio e de riscos os aspectos ambientais, sociais e de gobernanza, así como acompañar aos clientes cara a alternativas más sostibles. Este plan inclúe fitos concretos como dispoñer dunha alternativa sostible para os seus produtos en 2024.
EnergyLab é unha fundación de carácter privado sen ánimo de lucro que desenvolve actividades de I+D+i desde setembro de 2008, cuxa actividade céntrase en mellorar a competitividade do tecido empresarial mediante o desenvolvemento de proxectos innovadores que permitan mellorar o desempeño enerxético e reducir o impacto ambiental das súas actividades.