ABANCA incrementa o financiamento ao sector agro nun 29% en 2020
- A entidade lanza unha liña de preautorizados para financiar o anticipo de axudas PAC e a contratación de seguros agrarios
- Dous de cada tres clientes de ABANCA Agro teñen á súa disposición créditos preautorizados por importe máximo de 100.000 euros para estes destinos
- ABANCA Agro celebrou hoxe un encontro dixital para clientes do sector no que se abordou a próxima reforma da Política Agraria Común da Unión Europea
- A xornada contou coa presenza do conselleiro delegado de ABANCA, Francisco Botas, do conselleiro de Medio Rural, José González, e de representantes da entidade financeira, das administracións públicas e do sector
Descarga los contenidos anexos
ABANCA Agro, unidade especializada de ABANCA para dar servizo ao sector agrícola, gandeiro, forestal e vitivinícola, celebrou hoxe en formato videoconferencia un encontro dixital para clientes dedicado á próxima reforma da Política Agraria Común da Unión Europea. A xornada abordou as principais claves da reforma, como a sostibilidade ou o a reorganización da asignación das axudas, e prestou especial atención ás características particulares do sector en Galicia.
O encontro contou coa participación de Francisco Botas, conselleiro delegado de ABANCA, quen realizou a intervención de apertura, Jesús Combarro, director de ABANCA Agro, Ignacio Atance, subdirector xeral de Planificación de Políticas Agrarias do Ministerio de Agricultura Pesca e Alimentación, Jorge Piñeiro, subdirector xeral de Xestión PAC da Consellería de Medio Rural da Xunta de Galicia, Higinio Mougán, director xerente da Asociación Galega de Cooperativas Agroalimentarias, e José González, conselleiro de Medio Rural da Xunta de Galicia, quen pechou a xornada.
Incremento do financiamento
Na súa intervención de apertura, o conselleiro delegado de ABANCA reafirmou o compromiso da entidade co sector primario. “Considerando o volume de financiamento que dedicamos ás actividades agroalimentarias en relación co volume total dirixido a actividades produtivas, ABANCA é unha entidade máis orientada ao sector primario que a media do sector financeiro”, explicou. A través de ABANCA Agro, unidade especializada creada en 2015, a entidade atende as necesidades de máis de 53.000 clientes da cadea de valor relacionada coas actividades agrícolas, gandeiras, forestais e vitivinícolas (produtores, provedores, industrias, etc.).
En conxunto, ABANCA mantén co sector un volume de financiamento de 2.100 millóns de euros, fundamentalmente en Galicia. “En 2020 formalizamos novas operacións de financiamento co sector por importe de 1.257 millóns de euros, un 28,79% máis que en 2019”, sinalou Francisco Botas. O importe medio das operacións formalizadas en Galicia foi de 58.300 euros, cifra que pon de manifesto o compromiso de ABANCA co tecido produtivo de base.
Líder en domiciliación de axudas PAC
O conselleiro delegado anunciou o lanzamento por parte de ABANCA dunha liña de financiamento específico (preautorizados) para anticipar aos clientes do banco as axudas da PAC da campaña 2021 das que sexan beneficiarios, así como para a contratación de agroseguros. Dous de cada tres clientes de ABANCA Agro beneficiarios da PAC teñen á súa disposición créditos preautorizados por importe máximo de 100.000 euros para estes destinos.
“En ABANCA somos plenamente conscientes da importancia económica desta ferramenta para o sector, polo que ofrecemos aos nosos clientes o máximo apoio na súa xestión”, destacou Francisco Botas. Para a presente campaña 2021 que acaba de iniciarse, ABANCA impartiu preto de 1.000 horas de formación, entre actualización e iniciación, a un equipo de 160 tramitadores. Polo que respecta á operativa, a entidade pon a disposición dos seus clientes protocolos de tramitación a distancia combinados coa tramitación presencial en oficinas, co obxectivo de ofrecer o mellor servizo aos seus clientes mesmo en escenarios de especial complexidade, como o actual.
ABANCA é a entidade líder en Galicia por cota de domiciliación das axudas da PAC, cunha cota de mercado do 48,78% no exercicio 2020. A entidade ven incrementando a súa cota de maneira continua ano a ano desde 2015.
Especificidades da España húmida
Pola súa banda, o conselleiro do Medio Rural, José González, apelou ao recoñecemento da España húmida e das súas especificidades no reparto de fondos da futura PAC a nivel nacional, “para facer dela, realmente, unha política común”. O conselleiro apostou polo recoñecemento da explotación familiar agraria sustentable do norte de España, que defenden en conxunto as comunidades da Cornixa Cantábrica, fronte á “orientación mediterránea” que cualificou de “sesgada” e volveu reclamar que os cartos da PAC se distribúan “en función das particularidades de cada territorio”.
Nesta liña, José González demandou un tratamento equitativo das explotacións dentro da axuda básica á renda e un período transitorio, así como medidas correctoras, que faciliten o proceso de converxencia. Tamén pediu que se manteñan as axudas asociadas ao vacún de leite e carne e ao ovino-cabrún, cunha dotación semellante ao último período de vixencia da PAC.
Por outra parte, o conselleiro puxo en valor a importancia de entidades financeiras como ABANCA na xestión destes fondos europeos e lembrou que grazas á súa implicación moitos agricultores e gandeiros galegos puideron percibir o anticipo das axudas da PAC xa no verán pasado, para inxectarlles liquidez debido á emerxencia sanitaria. Un anticipo -salientou- de preto de 300 millóns de euros correspondentes a diferentes liñas, dentro do Plan de liquidez aprobado pola Xunta para facer fronte ás consecuencias da pandemia. E salientou que a Consellería do Medio Rural asumiu, neste caso, a comisión máxima inicial de apertura do 1% para facer efectivo o anticipo. Por todo isto, José González reiterou o seu agradecemento a ABANCA polo “compromiso continuo que sempre demostra para con Galicia”.
Contidos técnicos
Ignacio Atance, subdirector xeral de Planificación de Políticas Agrarias do Ministerio de Agricultura Pesca e Alimentación, sintetizou as características da futura PAC nunha "maior orientación ao rendemento e aos resultados tanxibles, e menos ao cumprimento e ás normas; un novo método de traballo, a través dun único plan estratéxico que abarque as axudas directas, as medidas de desenvolvemento rural e os programas sectoriais; unha maior ambición en canto ao medio ambiente e á acción polo clima; e un trato máis equitativo mediante unha maior orientación ás pequenas e medianas explotacións familiares".
Jorge Piñeiro, subdirector xeral de Xestión PAC da Consellería de Medio Rural da Xunta de Galicia, situou os obxectivos de Galicia ante a reforma da PAC en "manter un nivel de apoio á renda dos agricultores similar ao período actual e en avanzar cara a unha redistribución de axudas cunha maior equidade na repartición e un maior apoio aos pequenos e medianos produtores".
Para Higinio Mougán, director xerente da Asociación Galega de Cooperativas Agroalimentarias, "as implicacións finais da reforma da PAC van depender do desenvolvemento do proceso de negociación, aínda que espero que a conclusión final nos leve a unha situación na que globalmente Galicia poida quedar mellor. En conxunto, o sector vai ter que realizar un esforzo de adaptación aos novos requisitos ambientais".