ABANCA inicia en León o seu programa de formación e capacitación dixital de persoas maiores en zonas rurais
- O eixo central das primeiras actividades é a protección contra a fraude
- As primeiras sesións desenvolvéronse en Bembibre e Villafranca del Bierzo
- O obxectivo do programa é mellorar a inclusión e a seguridade financeira da poboación de maior idade
ABANCA iniciou en León o seu programa de formación e capacitación de persoas maiores en zonas rurais. A iniciativa forma parte do plan de acción posto en marcha polo banco para mellorar a inclusión e a seguridade financeira da poboación de maior idade, especialmente daquela que vive en contornas rurais e adoita estar menos dixitalizada.
A primeira actividade proposta está centrada na protección contra a fraude. Nela ofrécense consellos aos participantes para que poidan operar de forma segura coas súas tarxetas financeiras e a través das canles de autoservizo, como os caixeiros automáticos ou a banca móbil. Tamén se lles facilita información sobre os tipos de fraudes máis habituais na actualidade, como o vishing, o smishing, o phishing ou o malware, para que poidan ser capaces de identificalos e, deste xeito, evitalos.
De maneira complementaria, entrégase aos asistentes un documento no que se recollen todas as indicacións e consellos de maneira sinxela e visual, para que poidan ter a información a man e consultala en calquera momento que o necesiten.
As primeiras xornadas do programa desenvolvéronse no Centro de Día de Bembibre e no Centro de Xubilados de Villafranca del Bierzo, coa asistencia de 50 persoas en total. As sesións continuarán as próximas semanas noutras localizacións da provincia.
Compromiso coa educación financeira e as persoas maiores
Este plan de formación e capacitación dixital forma parte do programa de educación financeira de ABANCA. Durante o ano pasado desenvolveuse en Galicia a súa primeira edición, con 52 accións formativas nas que participaron máis de 600 persoas. Desde que comezou a segunda edición, organizáronse 29 novas xornadas en Galicia e dúas na provincia de León, de acordo coa vontade do banco de ampliar os programas sociais que desenvolve a aqueles territorios que considera estratéxicos e cos que mantén unha vinculación histórica.