ABANCA inicia un período de adquisicións coa compra de Popular Servicios Financieros
- Popular Servicios Financieros intégrase en ABANCA Consumer Finance, creando a quinta financeira bancaria de consumo en España
- ABANCA mantén en Galicia a compañía adquirida e preserva o emprego
- ABANCA Consumer Finance terá presenza en toda a Península Ibérica a través de máis de 15.000 comercios e 500.000 clientes finalistas
- Os obxectivos inmediatos da operación son alcanzar unha cifra de novo negocio superior aos 800 millóns no próximos tres anos
ABANCA acordou co Grupo Banco Popular a compra por 39 millóns de euros do 100% de Popular Servicios Financieros, a antiga división de consumo de Banco Pastor. A financeira intégrase en ABANCA Consumer Finance, constituída en 2016, creando a quinta financeira bancaria de consumo de España. Con esta decisión, ABANCA inicia desde Galicia un período de crecemento a través de novas adquisicións, aliñadas cos obxectivos do seu plan estratéxico.
“Os obxectivos inmediatos da operación son alcanzar unha cifra de novo negocio superior aos 800 millóns no próximos tres anos, situarse como líder no noroeste español e facer crecer o negocio nun período do ciclo económico favorable en España e Portugal”, asegura Juan Carlos Escotet, vicepresidente da entidade galega. ABANCA mantén en Galicia a compañía adquirida, conserva os empregos e aumenta a súa presenza en Portugal.
A operación permite a ABANCA modernizar e impulsar o negocio, achegando tecnoloxía e dinamismo, para converterse nunha das entidades referentes do sector nun dos segmentos máis rendibles e con maior crecemento. O impulso á actividade realízase sobre os negocios de financiamento ao consumo, automóbil, préstamos persoais e tarxetas de crédito, xunto coa venda de seguros. Adicionalmente, os clientes terán unha das maiores coberturas a escala nacional e disporán dunha tecnoloxía punteira para as súas operacións. ABANCA incorpora con esta operación a un grupo de profesionais moi cualificado e cun coñecemento especializado neste segmento de negocio.
Popular Servicios Financieros é unha entidade financeira histórica de orixe galega (Pastor Servicios Financieros) no segmento de crédito. Dispón dun equipo de persoas especializadas no financiamento ao consumo e mantén máis de 15.000 acordos con comercios e concesionarios en España e Portugal, cunha alta xeración de clientes (500.000 na Península Ibérica). A súa carteira de créditos a peche do 2016 sitúase en preto de 200 millóns de euros.
Para ABANCA, a compra supón alcanzar no segmento do crédito ao consumo a meta prevista no plan estratéxico para dentro de tres anos e duplicar a nova produción nese período de tempo. Popular Servicios Financieros é unha das financeiras de consumo con mellor calidade do risco grazas ao seu know how e coñecemento do mercado. A súa taxa de mora é do 3% e a súa cobertura do 152%.