ABANCA inicia unha nova edición do seu programa de voluntariado ambiental na praia de Doniños
- Os voluntarios e voluntarias de ABANCA e Afundación desprazáronse até o areal ferrolán para limpar a zona de especies exóticas invasoras e retirar residuos
- A próxima acción de conservación da contorna natural está prevista para o vindeiro sábado 1 de febreiro na praia de Baldaio (Carballo)
Un grupo de 27 voluntarios e voluntarias de ABANCA e a súa Obra Social, Afundación, participaron o sábado na primeira acción organizada polo banco este ano no marco do seu programa de voluntariado ambiental ‘Traballando pola mellora do patrimonio natural’.
A contorna da praia de Doniños, no termo municipal de Ferrol, foi o escenario escollido para iniciar a nova edición do programa, no que ABANCA conta coa colaboración e o asesoramento do Grupo Naturalista Hábitat.
Os empregados e empregadas que se desprazaron a esta Zona de Especial Conservación ‘Costa Ártabra’ dividiron a xornada en dous partes. As primeiras horas da mañá dedicáronas a extraer exemplares de uña de gato (Carpobrotus edulis), unha especie procedente de Sudáfrica de gran potencial invasor que supón unha ameaza para a vexetación autóctona deste espazo dunar. En total, retiráronse 1.480 quilos desta planta exótica. A continuación, os participantes trasladáronse até o areal, onde recolleron 49,5 quilos de residuos, a gran maioría microplásticos depositados polo mar tras os temporais.
As actividades incluídas no programa de voluntariado ambiental de ABANCA para o primeiro trimestre de 2020 poñen o foco na limpeza do litoral e a plantación de especies autóctonas en contornas forestais de especial interese. Con estas accións, a entidade quere conseguir un impacto directo en catro Obxectivos de Desenvolvemento Sustentable (ODS): ODS 10 ‘Redución das desigualdades’, ODS 13 ‘Acción polo clima’, ODS 14 ‘Vida submarina’ e ODS 15 ‘Vida de ecosistemas terrestres’.
A próxima acción de conservación da contorna costeira realizarase o vindeiro sábado 1 de febreiro na praia de Baldaio (Carballo).