ABANCA lanza a primeira aplicación de Banca Móbil totalmente accesible para persoas con discapacidade
- Con esta iniciativa, ABANCA e o ONCE facilitan o acceso aos servizos financeiros ás persoas con discapacidade
ABANCA acaba de lanzar unha nova versión da súa aplicación de Banca Móbil para iPhone totalmente accesible para persoas con discapacidade, coa que logrou o selo de accesibilidade universal. Esta certificación garante que pode ser utilizada por persoas con calquera tipo de discapacidade, incluíndo a visual parcial e a cegueira.
O selo de accesibilidade universal é o resultado final do proceso de certificación realizado por ILUNION Accesibilidade, Estudios y Proyectos, empresa especializada pertencente ao grupo empresarial da ONCE e a súa Fundación.
Actualmente ABANCA é a única entidade financeira en España que conta con este certificado de accesibilidade para a súa aplicación de Banca Móbil, a primeira de todo o sistema financeiro español que cumpre cos estándares de accesibilidade. Con esta iniciativa, ABANCA e o ONCE contribúen á supresión de barreiras que impiden ou dificultan a plena integración social das persoas con discapacidade.
“Desde sempre mantivemos un alto compromiso coa accesibilidade en todas as nosas canles a distancia. É un orgullo para nós lograr este fito, sobre todo, porque conseguimos que os clientes con discapacidade poidan acceder aos servizos financeiros en igualdade de condicións que o resto”, sinalou Miguel Ángel Escotet, director xeral de Responsabilidade Social Corporativa e Comunicación de ABANCA, durante a presentación da versión da Banca Móbil adaptada para persoas con discapacidade de ABANCA que tivo lugar esta mañá na Coruña. No acto tamén participaron o director xeral de Información, Procesos e Operacións de ABANCA, José Manuel Valiño Blanco, o delegado do ONCE en Galicia, Manuel Martínez Pan, e o presidente do consello territorial ONCE-Galicia, Carlos Fernández Lamigueiro.
Ademais, o acto contou coa presenza de Juan Carlos Buño, un usuario invidente que compartiu a súa experiencia no manexo da nova aplicación de Banca Móbil de ABANCA.
Asesoramento de ILUNIÓN Accesibilidad, Estudios y Proyectos
Neste proceso de adaptación, ABANCA contou coa colaboración de ILUNION Accesibilidad, Estudios y Proyectos, unha empresa especializada en tecnoloxía e accesibilidade pertencente ao grupo empresarial da ONCE e a súa Fundación que certificou a auditoría desta nova versión da súa banca móbil, confirmando a concesión do selo de accesibilidade que acredita que a aplicación pode ser usada por persoas con discapacidades visuais, auditivas e físicas.
O delegado territorial do ONCE, Manuel Martínez Pan, destacou os beneficios deste tipo de iniciativas na superación de barreiras e agradeceu o xesto de ABANCA ao permitir -dixo-“que as persoas con cegueira ou discapacidade visual grave podamos ter a banca electrónica ao noso alcance, en igual cos demais cidadáns, e podamos así xestionar desde os nosos teléfonos móbiles as contas, os fondos, recargas de móbiles, etc.”
Tecnoloxía VoiceOver
A aplicación está totalmente integrada cos requirimentos técnicos de accesibilidade do sistema operativo dos dispositivos móbiles e tabletas de Apple, o que permite a correcta utilización do lector de pantallas que traen integrados, o VoiceOver. Esta tecnoloxía facilita ao usuario a lectura e a navegación. As persoas con discapacidade visual escoitarán unha descrición detallada do que hai en pantalla e esta tecnoloxía vailles guiando para seleccionar unha opción do menú ou pulsar calquera botón. VoiceOver vai ofrecendo tamén información externa contextual que fai máis precisa a súa utilización e axuda ao usuario a manexar a aplicación. Esta tecnoloxía tamén permite que exista un contraste de cores adecuado entre textos e fondos ou que cada usuario poida utilizar textos ampliados ou cores personalizadas para as súas capacidades visuais específicas.
“Para nós, o primordial son os nosos clientes e as súas necesidades. Observamos que os que tiñan algunha discapacidade visual reclamábannos unha accesibilidade completa e ofrecíanse a colaborar. Así que, puxémonos a traballar e despois de moito esforzo e probas aquí está o resultado. Foi un traballo gratificante e merecen toda a nosa consideración e atención polo feito de tentar utilizar a tecnoloxía cando lles require, na maioría das ocasións, o dobre de esforzó”, asegurou José Manuel Valiño Blanco.
Crecemento do uso da Banca Móvil
ABANCA pechou o primeiro trimestre de 2015 con máis de 250.000 clientes que operan de forma habitual a través do teléfono móbil, un 55% máis que no mesmo período do ano anterior. De total de clientes que se conectan a distancia (banca electrónica, banca móbil, banca telefónica), o 45% faio principalmente a través do móbil. O número de operacións (consulta de movementos, transferencias, traspasos, etc.) que se realizaron a través do móbil durante o primeiro trimestre de 2015 superou os 10 millóns, case tres veces máis que as realizadas no mesmo período do ano anterior.