ABANCA lanza a súa compañía de vida e pensións e estrea novas oficinas corporativas para a súa división de seguros
- O presidente de ABANCA, Juan Carlos Escotet Rodríguez, o conselleiro delegado, Francisco Botas, e o director xeral de ABANCA Seguros, Álvaro García Diéguez, presentaron na Coruña a estratexia da entidade no mercado bancoasegurador
- Tras o lanzamento dos seguros On-Off e a alianza con Crédit Agricole Assurances en seguros xerais, ABANCA Seguros culmina a súa transformación en 2019
- ABANCA Vida y Pensiones, única compañía de seguros da súa clase con sede en Galicia
Descarga los contenidos anexos
O presidente de ABANCA, Juan Carlos Escotet Rodríguez, o conselleiro delegado, Francisco Botas, e o director xeral de ABANCA Seguros, Álvaro García Diéguez, presentaron hoxe os últimos pasos dados pola entidade na xestión do seu negocio asegurador, unha das liñas clave na actividade do banco. Nun evento dirixido a medios, a unidade especializada a través da cal a entidade xestiona esta actividade, denominada ABANCA Seguros, deu a coñecer a súa compañía de vida e pensións, que recentemente pasou a estar xestionada de forma directa por equipos propios. O evento serviu tamén para presentar as novas oficinas corporativas de ABANCA Seguros na Coruña.
“ABANCA Seguros é un elemento fundamental no noso proxecto de crecemento e un exemplo das nosas principais características como entidade: especialización, capacidade de innovación e compromiso con Galicia”, sinalou o presidente de ABANCA, Juan Carlos Escotet.
“A actividade aseguradora é prioritaria en ABANCA pola súa complementariedade coa nosa actividade financeira. Esta importancia reflíctese na achega dos seguros ao banco. En 2018 alcanzamos unha facturación de 164 millóns de euros en primas e uns ingresos de 86 millóns de euros, un 23% máis que en 2017”, destacou o conselleiro delegado de ABANCA, Francisco Botas.
A xornada de presentación continuou cun evento institucional dirixido a clientes, que tivo lugar esta misma tarde coa participación do presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, e a alcaldesa de A Coruña, Inés Rey, e no que estivo presente o director xeral de Seguros e Fondos de Pensións do Ministerio de Economía e Empresa, Sergio Álvarez Camiña.
2019, o ano da transformación
O negocio asegurador é un elemento central na actividade de ABANCA pola súa complementariedade coa oferta financeira e polo seu destacado papel na estratexia de diversificación de fontes de rendibilidade da entidade.
No ano 2019 ABANCA Seguros deu un forte impulso á súa actividade. En abril anunciou o lanzamento da familia de seguros ON-OFF, un paso máis na súa estratexia de creación de produtos disruptores, sinxelos e diferenciadores, e en xullo deu a coñecer a alianza subscrita con Crédit Agricole Assurances para desenvolver o negocio de seguros xerais en España e Portugal.
Unha vez alcanzados estes fitos, ABANCA Seguros completou outras dúas accións dirixidas a reforzar o seu modelo operativo.
Por unha banda, finalizou o proceso de internalización de ABANCA Vida e Pensións, a compañía a través da cal xestiona os seguros de vida e plans de pensións de 342.000 clientes. Con este proxecto, iniciado en 2017, ABANCA Seguros dotouse dun sistema tecnolóxico para dar soporte á actividade aseguradora de vida e pensións e migrou un total de 725.000 millóns de rexistros. A internalización da xestión do negocio de vida e pensións supón que a xestión de todos os procesos de ABANCA Vida y Pensiones realízase agora de maneira interna, sen intervención de provedores externos. “Os seus efectos son unha maior eficiencia na xestión, unha mellora da experiencia de cliente, unha maior personalización dos produtos, e un mellor soporte á venda”, sinalou o director xeral de ABANCA Seguros, Alvaro García Diéguez. Este proxecto, no que participaron 140 profesionais de distintas áreas do banco, supuxo a creación de 25 novos postos de traballo.
Como parte do lanzamento de ABANCA Vida y Pensiones, ABANCA Seguros puxo en marcha unha campaña comercial consistente na aplicación dun desconto do 30% nas contratacións de seguros de vida risco libre durante o próximo mes.
Doutra banda, ABANCA Seguros dotouse dunhas novas oficinas corporativas na Coruña. O novo espazo, cunha superficie de 1.800 m2 e capacidade para 104 postos de traballo, recupera un edificio emblemático e contribúe a revitalizar o centro urbano. O seu deseño está caracterizado polo mesmo concepto de espazo aberto que ABANCA emprega nas súas novas oficinas, modelo que favorece unha maior produtividade e eficacia na xestión.
Con estas dúas accións, ABANCA e ABANCA Seguros reforzan a posición de Galicia no mapa asegurador español. ABANCA Vida y Pensiones é, de feito, a única compañía 100% galega no seu segmento.
Achega ao negocio do banco
ABANCA Vida y Pensiones pechou 2018 cun total de 285.518 pólizas, un volume de recursos xestionados de 2.616 millóns de euros, un volume de primas vida risco de 50 millóns de euros, e un beneficio consolidado antes de impostos de 51 millóns de euros. No primeiro semestre a compañía incrementou o seu número de pólizas até as 307.100 e situou o seu número de clientes en 342.000 en toda España.
Pola súa banda, ABANCA Seguros alcanzou no peche do pasado ano unha facturación de 163 millóns de euros en primas de risco, uns ingresos consolidados de 86 millóns de euros e un ROE do 19,6%, prestando servizo a 420.906 clientes (704.518 pólizas).
Grazas ás diferentes accións postas en marcha nos últimos anos nos planos comercial, tecnolóxico e societario, ABANCA Seguros espera pechar este 2019 con crecementos na nova produción (tanto de seguros de vida como xerais), comisións e beneficio operativo.
Novos proxectos para 2020
ABANCA Seguros ten previsto continuar a súa evolución en 2020 a través dunha batería de novos proxectos na que destacan a dixitalización de ABANCA Vida y Pensiones, o lanzamento de novos produtos do ramo de seguros xerais, o deseño dunha experiencia de cliente única e estandarizada para todos os seus clientes, e a implantación dun modelo de distribución omnicanal.