ABANCA lanza, en colaboración con Minsait, un servizo de busca e xestión de axudas Next Generation para empresas, pemes e negocios
- A fase de identificación das axudas públicas realízase a través dunha plataforma online de uso gratuíto desenvolvida por Minsait, que tamén prestará soporte a todo o proceso
- Ademais, conta cun servizo de contact center, desde o que se analiza cada caso e ofrécese ao cliente o servizo que máis se adecúa ás súas necesidades
- A entidade dispón dun amplo catálogo de produtos específicos para o financiamento de proxectos vinculados ás axudas públicas
ABANCA lanzou, en colaboración con Minsait, unha compañía de Indra, un novo servizo especializado dirixido a facilitar aos seus clientes o acceso e a xestión das axudas correspondentes aos fondos Next Generation EU. O acordo foi subscrito hoxe polo director xeral de Mercado de Capitais, Xestión e Distribución de ABANCA, Juan Luis Vargas-Zúñiga, e o director de Estratexia e Innovación de Servizos Financeiros en Minsait, Álvaro de Salas.
Este novo servizo, co que ABANCA quere impulsar a chegada dos fondos ao tecido produtivo, vai dirixido a empresas, pemes e negocios que busquen axudas públicas. O servizo comprende, por unha banda, a busca de axudas (consulta das posibilidades existentes, localización das que se axustan a un proxecto específico, ou identificación das que aplican a unha determinada empresa) e, por outro, a xestión da solicitude.
A fase de busca de axudas realízase a través dunha plataforma online de uso gratuíto desenvolvida por Minsait (https://abanca-ayudaspublicas.minsait.com), que tamén prestará soporte á tramitación, seguimento e resolución da solicitude. Os clientes de ABANCA poden realizar buscas por palabra clave, tipo de beneficiario (autónomo, empresa, peme), sector económico, tipo de axuda (garantía, préstamo, financiamento, subvención, etc.) e clase de convocatoria (concesión directa ou concorrencia competitiva). É posible restrinxir a busca ás axudas relacionadas cos fondos europeos ou doutro tipo. Para facilitar a súa identificación, o buscador ofrece información resumida de cada axuda. Unha vez seleccionada a opción que mellor se adapta ás súas preferencias, o cliente solicita información adicional a un asesor especializado de Minsait a través dun formulario web.
A fase da xestión da axuda realízase telefonicamente a través dun contact center que proporciona soporte durante todo o proceso, desde a presentación da solicitude até a súa resolución. En cada caso analízanse as necesidades particulares do cliente e póñense á súa disposición diferentes opcións de servizo, que van desde unicamente a tramitación da axuda (cun custo fixo por solicitude) até un asesoramento a medida proporcionado por consultores especializados en axudas públicas (con orzamento personalizado).
“Este acordo achega os Fondos Next Generation ao tecido produtivo ofrecendo aos nosos clientes empresas, pemes e negocios un servizo especializado, útil e flexible que lles permite coñecer que axudas existen, identificar as que mellor se adaptan ás súas necesidades, e xestionalas eficazmente co asesoramento de técnicos especializados”, explica o director xeral de Mercado de Capitais, Xestión e Distribución de ABANCA, Juan Luis Vargas-Zúñiga.
Pola súa banda, Álvaro de Salas, director de Estratexia e Innovación de Servizos Financeiros en Minsait, destaca “a significativa contribución destes servizos á recuperación do tecido empresarial español, dado que permitirán a empresas, pemes e autónomos axilizar o acceso aos fondos europeos para apostar de maneira decidido por un crecemento dixital e sostible".
Apoio integral ao cliente
O servizo lanzado por ABANCA en colaboración con Minsait amplía a batería de accións postas en marcha polo banco para ofrecer aos seus clientes un modelo de apoio integral para aproveitar os fondos Next Generation EU. Tras a creación da unidade especializada Next Generation ABANCA, a entidade participou na constitución de Impulsa Galicia para promover iniciativas empresariais tractoras que incidan na dinamización e transformación da economía, estableceu numerosos contactos con empresas, cámaras de comercio e confederacións de empresarios, e celebrou diferentes xornadas e webinars informativos.
Un aspecto clave neste esforzo é o lanzamento de produtos específicos para o financiamento de proxectos vinculados ás axudas Next Generation. ABANCA ten dispoñible un amplo catálogo composto por préstamos persoais a tipo fixo e variable, leasing mobiliario fixo e variable, anticipos de subvención e avais bancarios. Atendendo á súa finalidade, destacan as axudas para o financiamento da compra de vehículos ecolóxicos e instalación de puntos de recarga dentro do programa Moves III, e as axudas para instalación de fontes de enerxía renovables e almacenamento (fotovoltaicas, eólicas e térmicas) para autoconsumo.