ABANCA lanza en Mérida a actividade da súa nova territorial Estremadura/Sur
- A entidade conta en Estremadura cunha rede de 44 oficinas que centran a súa actividade en particulares, sector agrario e empresas con actividade transfronteiriza
- Xunto coa comunidade estremeña, a territorial engloba Andalucía, Canarias e Castela-A Mancha
ABANCA celebrou esta tarde en Mérida o primeiro Encontro Comercial da súa dirección territorial Estremadura/Sur. O evento serviu de lanzamento á actividade da territorial Estremadura/Sur, unha área organizativa de nova creación na estrutura de ABANCA que engloba as 60 oficinas do banco nas comunidades de Estremadura, Andalucía, Canarias e Castela-A Mancha.
Tras a adquisición de Banco Caixa Geral, ABANCA conta en Estremadura cunha rede comercial formada por 44 oficinas, un 70% delas en concellos de menos de 10.000 habitantes. A entidade mantén en Estremadura un investimento crediticio de 705 millóns de euros e presta servizo ao 56% das medianas e grandes empresas estremeñas. “Estremadura é un bo exemplo de como estamos a crecer desde o oeste da península a través de operacións complementarias co noso modelo e con vocación ibérica”, explicou o presidente de ABANCA, Juan Carlos Escotet Rodríguez.
A actividade do banco na comunidade está centrada, entre outras prioridades, no apoio aos clientes particulares, tanto nas súas necesidades de financiamento como de xestión de patrimonio, ao sector primario, ámbito no que a entidade opera a través da súa unidade especializada ABANCA Agro, e ás empresas, especialmente aquelas con actividade a ambos os dous lados da fronteira hispano-portuguesa. “A nosa actividade en Estremadura desenvólvese a través dun modelo diferencial baseado na proximidade e o compromiso co cliente, a calidade do servizo, a especialización e a innovación”, destacou o conselleiro delegado, Francisco Botas.
Nova territorial
O Encontro Comercial Estremadura/Sur reuniu a máis de 200 profesionais do banco e contou coa participación do presidente de ABANCA, Juan Carlos Escotet Rodríguez, o conselleiro delegado, Francisco Botas, o director xeral de Negocio España, Luis Beraza, e o director da territorial Estremadura/Sur, Gonzalo Nolte.
Nas súas intervencións repasaron entre outras cuestións a transformación do banco nos últimos anos, os seus eixos estratéxicos, a inminente integración de Banco Caixa Geral en ABANCA e o papel da nova dirección territorial Estremadura/Sur. O evento serviu así mesmo para recoñecer o labor dos equipos comerciais da territorial máis destacados en 2019.