ABANCA lanza o servizo ‘Alavuelta descubre’ para axudar aos comercios a xerar máis negocio
- ‘Alavuelta descubre’ permitirá ao comercio ter un maior coñecemento da competencia e do perfil dos seus clientes
Descarga los contenidos anexos
ABANCA vén de lanzar un novo servizo para axudar aos comercios a xerar máis negocio e mellorar as súas vendas. O produto que deseñou a entidade financeira chámase ‘Alavuelta descubre’ e vai permitir ao comercio analizar como son os seus clientes e que fai a competencia. “Con esta información poderán tomar mellores decisións sobre como xerar oportunidades de negocio”, explica Jorge Mahía, director de Markéting, Intelixencia e Dixital de ABANCA.
Este novo servizo está xa dispoñible de forma gratuíta para aqueles comercios que contan cun TPV de ABANCA e teñen tamén a Banca Electrónica de Empresas do banco galego. Coa posta en marcha desta ferramenta, ABANCA permite aos comercios acceder aos beneficios do Big Data.
Unha solución completa para os comercios
A través do servizo dixital ‘Alavuelta descubre’ os comercios accederán a información estatística sobre os seus clientes, as súas vendas e o seu negocio. Entre outras cousas, poderán coñecer a evolución das vendas con respecto ás da competencia ou saber o posto de facturación do comercio con respecto ao sector. Ademais, o dono do negocio disporá de información agrupada do sexo e a idade dos grupos de clientes que compran no comercio e poderá coñecer cando compran máis os clientes.
Outra información destacada que poderán obter en ‘Alavuelta descubre’ é a súa área de influencia, é dicir, saber en que códigos postais residen os clientes que compran na súa tenda e descubrir a localización óptima para captar clientes. Tamén poderá saber o gasto medio dos seus clientes para poder deseñar e adecuar as súas ofertas en función do importe medio de compra dos seus clientes.
“O que pretendemos con esta ferramenta é ofrecer ao cliente información do seu negocio que lle permita ter unha visión máis completa do que ocorre dentro e fóra dos seus locais. Desta maneira poderá adaptar a súa oferta e mellorar as vendas e a satisfacción do cliente”, sinala Juan José González Serrano, xerente de Intelixencia de Clientes de ABANCA.
‘Alavuelta descubre’ forma parte dun paquete de servizos dixitais a comercios que a entidade financeira completará nos próximos meses co obxectivo de axudar a estas empresas a coñecer mellor o seu negocio e xerar máis beneficio.