ABANCA lanza unha aplicación para acceder a información e ofertas no festival Vigo SeaFest
- A app, compatible con terminais Android e iOS, permitirá aos visitantes coñecer a programación e beneficiarse de promocións en tempo real
- A entidade financeira volve a habilitar solucións de pago áxiles para reducir o tempo de espera nos espazos de restauración
- O banco contará cunha área tecnolóxica na que os asistentes do festival poderán coñecer ao robot R4, competir nunha regata telequinésica ou probar un simulador de realidade virtual
ABANCA renova o seu compromiso co evento gastronómico, cultural e deportivo Vigo Seafest, organizado pola Cooperativa de Armadores da Pesca do Porto de Vigo (ARVI). A sede institucional de ABANCA en Vigo foi o escenario escollido para dar a coñecer as novidades nas que traballou a entidade nos últimos meses e que van permitir aos visitantes deste evento contar cos máis recentes avances en materia de información en tempo real e pago. A cita terá lugar entre o 5 e o 8 de xullo na Zona Náutico de Vigo.
O xerente de Intelixencia de clientes e CRM de ABANCA, Juanjo González Serrano, foi o encargado de presentar a aplicación “Vigo SeaFest by ABANCA”, que a entidade financeira desenvolveu exclusivamente para o festival. Trátase dunha app que permite acceder en directo a todas as novidades e ofertas que se xeren durante o evento. “Vigo SeaFest by ABANCA” contén a información actualizada dos espazos de restauración presentes na cita e recolle a súa oferta gastronómica, pero tamén datos de utilidade como o emprazamento exacto ou as valoracións dos usuarios do festival.
De maneira adicional, esta aplicación incorpora un mapa actualizado con todos os puntos de interese do certame, un buscador de información e un servizo de alertas personalizado que envía notificacións cando comeza un evento ou está dispoñible un desconto. A app tamén permite acceder ás distintas ofertas que poidan lanzar os espazos gastronómicos durante o festival e recargar ou acceder ao moedeiro electrónico. A app “Vigo SeaFest by ABANCA” é compatible cos terminais Android e iOS e xa se pode descargar de maneira gratuíta desde as tendas de aplicacións oficiais Google Play e App Store.
Para axilizar o cobro das consumicións nos diferentes espazos de restauración do festival, ABANCA habilitou tabletas de última xeración conectadas a terminais de cobro portátiles. Os visitantes poderán pagar de maneira rápida e sen comisións con calquera tarxeta de débito ou crédito a través das tecnoloxías contactless, chip ou banda magnética. Os usuarios poderán ademais empregar o moedeiro virtual para dispositivos móbiles creado pola entidade financeira en exclusiva para o Vigo Seafest. Esta solución de pago permite recargas tanto nos espazos habilitados no recinto, desde a app “Vigo SeaFest by ABANCA” ou na propia web do festival e é compatible tanto con dispositivos Android como iOS. O evento contará con tarxetas de prepagamento gratuítas que se poderán recargar nos despachos de billetes.
Pola súa parte, o presidente de ARVI, Javier Touza, destacou que “Vigo SeaFest é un festival esencialmente familiar, e inclusivo, polo que o acceso fácil e rápido a toda a súa oferta gastronómica e de lecer é unha prioridade para nós”.
Innovación e apoio ao sector
A presentación serviu para que o director de Innovación de ABANCA, Eduardo Aldao, dera a coñecer o espazo propio de innovación co que contará a entidade financeira no Vigo SeaFest. Este expositor permitirá coñecer as propostas do banco vinculadas ás novas tecnoloxías e o lecer e recibirá a visita de R4, o robot de ABANCA que se converteu no primeiro humanoide capaz de interactuar e de atender a clientes no sector financeiro en España.
O lecer nesta área será o gran protagonista gracias tamén a unha regata telequinésica creada por ABANCA Innova na que os veleiros se moverán impulsados pola mente. Os participantes poderán competir nunha carreira na que o gañador será quen demostre unha maior capacidade de concentración. Por último, en colaboración con Samsung, os asistentes ao Vigo SeaFest poderanse transportar a outros lugares ou vivir aventuras grazas aos dispositivos de realidade aumentada da marca coreana. Tanto a regata telequinésica de ABANCA Innova como a experiencia de realidade virtual serán completamente gratuítos para os visitantes, que simplemente deberán obter o seu cupón a través da app “Vigo SeaFest by ABANCA”.
O impulso de ABANCA a este festival forma parte do compromiso que mantén a entidade financeira co mundo do mar e toda a súa cadea valor e un paso máis na histórica relación con ARVI. O banco conta des hai case dous anos cunha unidade especializada, ABANCA Mar, que ofrece solucións a más de 20.000 clientes deste segmento. En palabras do director territorial de ABANCA en Vigo, Jorge Martínez, “Vigo SeaFest é un evento consolidado que contribúe a poñer en valor a importancia deste sector, dos seus produtos e da nosa gastronomía con fama mundial”.