ABANCA lanza unha aplicación que permite ás empresas asinar operacións desde o seu móbil
ABANCA lanza unha nova aplicación para móbiles dirixida a simplificar a xestión das operacións máis habituais das empresas. A app “ABANCA. Firma Empresas”, dispoñible para terminais con sistemas operativos Android e iOS, permite aos apoderados nas contas de persoas xurídicas ou nas que se requiren varias firmas axilizar os trámites.
A app replica a caixa de correos de operacións pendentes de firma, que actualmente está dispoñible na banca electrónica empresas. Este desenvolvemento permite aos apoderados dar luz verde a operacións xeradas previamente na versión para ordenadores e que requiren a súa autorización. Nesta primeira fase incluíronse xestións tan habituais como as transferencias, as remesas de ficheiros (recibos domiciliados, nóminas ou transferencias) ou devolucións de recibos.
A app responde ao compromiso de ABANCA por impulsar os cobros e pagos deste colectivo de clientes a través da firma de operacións en mobilidade, sen limitacións de hora ou lugar. Un incremento da oferta de canles a disposición dos usuarios que se compatibiliza coa aplicación dos máis estritos protocolos de seguridade.
Os clientes de ABANCA que empregan este servizo na banca electrónica empresas xa poden descargar a app. Como é habitual, deberán acceder á tenda de aplicacións oficial do seu terminal, Google Play no caso dos móbiles Android e App Store para os smartphones equipados con iOS.
Un catálogo de aplicacións en crecemento
A nova aplicación “ABANCA. Firma Empresas” amplía a familia de solucións coas que xa conta ABANCA nos smartphones. A banca móbil da entidade financeira é líder entre as valoracións que os usuarios deixan nas tendas de aplicacións oficiais. Unha posición que se reafirma grazas ás novidades que incorpora cada nova versión.
O catálogo de apps dirixidas a particulares complétase con ABANCA Pay, lanzada ao mercado hai algo máis dun ano. Este desenvolvemento segue crecendo entre os clientes como alternativa rápida e sinxela para realizar pagos inmediatos desde o móbil de forma gratuíta a calquera usuario bancario, sexa ou non cliente de ABANCA.