ABANCA lanza unha hipoteca que limita o impacto da subida do euríbor durante os seis primeiros anos
- Coa nova hipoteca Mari Carmen Plus, o cliente coñecerá de antemán a cota máxima que chegaría a pagar durante os seis primeiros anos da hipoteca, cando a carga de xuros adoita ser maior
- O produto, novo no mercado español, parte dun tipo de xuro fixo os 12 primeiros meses e establece un límite á subida do euríbor durante os cinco anos seguintes
- O cliente pode rebaixar ata nun 1% o diferencial sobre o tipo de xuro pola contratación ou o uso de produtos e servizos como a domiciliación de nómina, seguros ou pagos con tarxeta de crédito
ABANCA reforzou a súa oferta comercial coa hipoteca Mari Carmen Plus, unha solución nova no mercado que protexe ao cliente ante a subida de tipos de xuro durante os primeiros anos do préstamo, nos que a carga de xuros adoita ser maior.
O novo préstamo hipotecario de ABANCA ofrece un tipo de xuro fixo durante os 12 primeiros meses, e variable o resto de períodos (euríbor máis diferencial). A partir do segundo ano, e ata o sexto, limítase a subida do euríbor a unha porcentaxe máxima. Na oferta de lanzamento, este límite fixouse no 3,5%.
Grazas a esta característica diferenciadora da hipoteca Mari Carmen Plus, se o euríbor sobe por encima do límite establecido, para o cálculo do tipo de xuro do préstamo tomarase esa porcentaxe máxima, á que se lle sumará o diferencial correspondente. Con todo, se a taxa de referencia se sitúa por baixo do límite fixado, aplicarase para o cálculo do tipo de xuro o índice euríbor que estea vixente nese momento (máis o diferencial que corresponda). Así, desde o momento no que o cliente contrata a súa hipoteca, coñecerá de antemán o importe máximo de cota que podería chegar a pagar durante os seis primeiros anos.
“Trátase dunha solución alternativa e nova, coa que queremos dar resposta ás necesidades dos nosos clientes, que hoxe máis que nunca buscan estabilidade e tranquilidade na xestión das súas hipotecas ante a contorna actual de subida continua de tipos de referencia”, explica Saray Cendón, directora de Desarrollo de Negocio de ABANCA. “Coa nosa hipoteca Mari Carmen Plus cubrimos as necesidades actuais dos nosos clientes, sen que estes renuncien a beneficiarse a futuro das posibles baixadas do tipo de xuro”, subliña.
Opcións de bonificación
A nova hipoteca Plus de ABANCA inclúe, do mesmo xeito que o resto de modalidades Mari Carmen, a posibilidade de mellorar o tipo de xuro en función da vinculación do cliente. Con produtos ou servizos como a domiciliación de nómina, o pago de compras coa tarxeta de crédito ou a contratación dun seguro de fogar ou de vida, entre outros, poderase reducir ata un 1% o diferencial sobre o tipo de xuro aplicable ao préstamo. Esta bonificación permitirá rebaixar o diferencial que se sumará ao euríbor que corresponda.
Esta nova modalidade hipotecaria, xa dispoñible tanto na rede de oficinas como na web comercial de ABANCA, poderase solicitar a un prazo máximo de 30 anos para financiar ata o 80% do menor dos seguintes valores: o da taxación da vivenda ou o do prezo da compravenda. Do mesmo xeito que ocorre no resto de hipotecas ABANCA para familias, os gastos de notaría, rexistro e xestoría son asumidos pola entidade bancaria.