ABANCA lanza unha hipoteca sen comisións que permite aprazar dous anos as cotas
- O banco concedeu o 42% das hipotecas en Galicia en xullo
ABANCA iniciará este mes a comercialización da súa nova hipoteca, un préstamo flexible e cunhas condicións moi vantaxosas, pensado para axudar as familias a afrontar a adquisición dunha vivenda no actual ámbito económico. A hipoteca carece de comisións e permite ao cliente solicitar o aprazamento do pagamento de cotas (amortización de capital + xuros) ata dous anos.
O aprazamento poderá solicitarse dúas veces a partir do quinto ano do contrato. Como máximo, o cliente poderá acumular 24 meses de aprazamento nos pagamentos. Outra das vantaxes do novo préstamo hipotecario de ABANCA é o prezo, que se posiciona entre os máis competitivos do mercado.
Despois do primeiro ano, o cliente pode rebaixar ata un punto porcentual o tipo de xuro en función dos seus ingresos e dunha mínima vinculación coa entidade, e aboar Euribor 1 ano +1,75%. Uns ingresos recorrentes superiores a 600 euros mensuais e a contratación dun seguro de fogar xa permiten obter unha bonificación no diferencial de -0,60%. Para beneficiarse destas condicións e vantaxes, o préstamo non pode superar o 80% do valor de taxación ou prezo de compra da vivenda. O prazo máximo de amortización é de 30 años.
Compromisos por escrito e un proceso máis áxil e sinxelo
ABANCA comprométese por escrito -mediante unha carta de servizo- a acompañar o cliente e mantelo informado durante todo o proceso de tramitación da súa hipoteca, a través do seu xestor persoal e mediante sms, correo electrónico, banca electrónica ou banca móbil. A entidade galega pon a disposición do cliente unha sinxela guía cos principais aspectos a considerar á hora de adquirir unha vivenda e obter financiamento. Ademais, o banco axúdalle nas xestións asociadas á tramitación do préstamo (solicitude da información rexistral e taxación do inmoble, por exemplo). Despois da contratación, ABANCA tamén se compromete a informar o cliente, antes das revisións anuais de tipo de xuro, da posibilidade de mellorar a súa bonificación.
ABANCA simplificou todo o proceso de formalización da hipoteca, facéndoo máis áxil, sinxelo e transparente para o cliente. A entidade reduciu substancialmente os prazos dende a solicitude ata a concesión do préstamo. Coa comercialización da súa nova hipoteca, ABANCA dá un paso máis no desenvolvemento da súa estratexia de reactivación do crédito a familias e pemes. A entidade aposta na súa nova etapa por produtos competitivos e innovadores, que priman a calidade de servizo ao cliente e están deseñados para dar resposta ás necesidades de financiamento de particulares e do tecido produtivo.
Primeira entidade en concesión de hipotecas en Galicia
ABANCA mantense como a primeira entidade financeira en concesión de hipotecas para adquisición de vivenda en Galicia. A entidade reforzou en xullo o seu liderado neste segmento, segundo os últimos datos publicados polo Instituto Nacional de Estatística (INE). Durante ese mes, ABANCA concedeu o 42% das hipotecas constituídas en Galicia para adquisición de vivenda.