ABANCA mellora a súa oferta en Barcelona ao converter o seu principal centro ao novo modelo de oficina
- A entidade financeira reforma integralmente o inmoble emprazado na contorna do cruzamento da Gran Via de les Corts Catalanes e Passeig de Gràcia para ofrecer unha atención integral aos seus clientes
- Nos seus preto de 850 metros cadrados integra unha oficina para particulares e outra para empresas, así como banca corporativa e outras áreas de apoio
- O banco consolida con esta transformación a súa presenza na cidade condal, onde conta con catro centros
ABANCA estrea en Barcelona o novo modelo de oficina que está a implantar nos centros máis relevantes da súa rede comercial. O principal espazo de ABANCA na cidade condal, emprazado en plena Gran Via de les Corts Catalanes e a poucos metros do cruzamento con Passeig de Gràcia, culminou nos últimos días a súa transformación.
Con case 850 metros cadrados destinados á atención comercial repartidos en dous andares, a entidade financeira reforza o seu compromiso cos seus clientes da cidade e a súa área de influenza. As instalacións albergan tanto unha oficina para particulares como un centro para empresas.
A nova concepción de oficina que chega agora a Barcelona aposta pola vangarda e dá impulso á atención máis especializada cos últimos avances en tecnoloxía, para así ofrecer ao cliente as solucións máis adaptadas ás súas necesidades. No novo centro destacan de maneira clara os espazos diáfanos e a ausencia de despachos. No seu lugar, os xestores responden en mobilidade con dispositivos Surface ás demandas dos clientes, grazas a oito mesas de atención comercial emprazadas no centro da oficina. Para aquelas cuestións que requiran maior discreción, a nova oficina de ABANCA ofrece ata cinco salas de reunións.
Os xestores realizan as súas tarefas habituais desde algún dos 12 postos emprazados no pool de traballo da oficina de particulares e os oito cos que conta o Centro de Empresas de Barcelona. Completan a oficina un posto na entrada para atender as operacións de efectivo e transaccionais.
Máis especializados, máis tecnolóxicos e máis próximos
O estreo da oficina máis emblemática de ABANCA en Barcelona é tamén a posta en escena do compromiso da entidade financeira pola especialización e as respostas adaptadas a cada segmento. As novas instalacións albergan a oficina de particulares, pero tamén o Centro de Empresas de Barcelona, así como xestores especializados en banca institucional ou banca corporativa e outros servizos de apoio.
A tecnoloxía gaña protagonismo neste espazo da Gran Via de les Corts Catalanes, 613 para gañar en axilidade. As novas instalacións estrean un caixeiro de última xeración que permite, ademais de retiradas, realizar ingresos en firme, pagos de recibos en efectivo e outras operativas con moedas. A estratexia de dixitalización do banco complétase nesta oficina habilitando unha rede WIFI gratuíta para que os clientes realicen de maneira autónoma as súas operacións máis habituais.
A entidade financeira mantén en Cataluña oito oficinas emprazadas en Barcelona, Tarragona, Girona, Granollers e Terrassa. Esta oferta complétase con catro espazos para empresas en Barcelona, Tarragona, Girona e Granollers.