ABANCA mobiliza 8.300 millóns para mitigar o impacto do coronavirus e anticipa o pago de pensións
- A entidade pon a disposición do tecido empresarial e produtivo 7.900 millóns en liñas especiais de liquidez para atender necesidades de financiamento polo impacto da pandemia e axudar a preservar o emprego
- O banco anticipa 373 millóns para que os seus 400.000 clientes pensionistas poidan cobrar a pensión a partir do día 24
- Recomenda aos seus clientes a utilización das canles dixitais e de autoservizo, así como o pago con tarxeta como medidas de prevención durante esta alerta sanitaria
ABANCA activou con carácter urxente un plan especial de crédito destinado a axudar ás empresas e familias a mitigar o impacto da pandemia por COVID-19. O ‘Plan Anticipar’ do banco diríxese fundamentalmente ás empresas, pemes, autónomos, negocios e comercios, para os que mobiliza 7.900 millóns de euros en liñas de liquidez, e ao segmento de clientes maiores, un colectivo especialmente vulnerable ante esta emerxencia de saúde, que poderá cobrar a súa pensión de forma anticipada a partir do día 24.
ABANCA activou distintas liñas extraordinarias para apoiar ao tecido empresarial afectado pola expansión do novo coronavirus e axudarlle a afrontar as necesidades de financiamento motivadas por esta situación excepcional. ABANCA pon ao dispor de máis de 6.000 pemes e empresas clientes, de forma inmediata, máis de 1.700 millóns en crédito para achegarlles liquidez extra que lles permita atender potenciais continxencias na súa tesourería e atender os seus compromisos de pago (nóminas, provedores…) durante as próximas semanas e meses. O principal obxectivo é axudar a preservar o emprego. Paralelamente, ofrécense créditos por importe de máis de 4.400 millóns, preconcedidos de maneira automática, cunha tramitación áxil.
O ‘Plan Anticipar’ de ABANCA contempla o apoio financeiro para autónomos, negocios e comercios, un segmento particularmente afectado por esta situación de crise. Para este colectivo mobilízanse preto de 1.800 millóns de euros en crédito preconcedido a curto e longo prazo.
En Agro e Mar, ABANCA adaptou a súa oferta sectorial ofrecéndolles a maior colaboración nas potenciais dificultades das próximas semanas a dous sectores que son prioritarios para o banco e claves para a economía de Galicia.
Os máis de 850 profesionais da entidade especializados nos distintos segmentos empresariais e cadeas de valor (empresas, pemes, negocios, mar e agro) intensificaron nos últimos días os contactos con clientes para coñecer de primeira man a situación particular de cada empresa ou colectivo para poder dar respostas adaptadas as súas necesidades.
Adianto de pensións
Este plan de financiamento extraordinario de ABANCA pon o foco no colectivo de persoas maiores debido á súa maior vulnerabilidade #ante o escenario actual de alerta sanitaria polo COVID-19. O banco decidiu adiantar ao día 24 de cada mes (ou o seguinte día hábil) o pago de todas as pensións domiciliadas na entidade, que suman un volume de 373 millóns de euros.
O adianto do pago da pensión realizarase de forma automática aos 400.000 clientes que teñen domiciliada a súa pensión en ABANCA. Dado que, con carácter xeral, a entidade realiza este abono o último día hábil de cada mes, neste mes de marzo os clientes poderán dispoñer do diñeiro unha semana (cinco días hábiles) antes do habitual.
ABANCA adoptou esta medida nun exercicio de responsabilidade para tratar de apoiar e protexer a un segmento de clientes prioritario e co que o banco mantén un compromiso histórico. A entidade dá servizo a máis de 850.000 clientes maiores de 55 anos, o colectivo máis numeroso na súa base de clientes. En Galicia, é a entidade financeira de referencia para este segmento ‘ senior’, ao ter domiciliadas unha de cada dúas pensións recoñecidas nesta comunidade autónoma.
Recomendacións a clientes
Ante ou escenario actual de emerxencia sanitaria por coronavirus, ABANCA pide aos seus clientes que na súa operativa coa entidade extremen as precaucións para minimizar o risco de transmisión da enfermidade e aproveiten as distintas funcionalidades que teñen á súa disposición a través da banca móbil e a banca electrónica, dispoñibles en www.abanca.com. No caso das empresas, o banco pon á súa disposición o seu novo servizo de banca móbil para empresas, unha aplicación que lles permite consultar as súas posicións, realizar transferencias e asinar operacións pendentes desde os seus dispositivos móbiles.
ABANCA aconsella utilizar o caixeiro automático en lugar de acudir á oficina para a realización das operacións máis habituais, así como o pago con tarxeta fronte ao uso de efectivo. No caso de que o cliente teña que ir á súa oficina, o banco roga que siga as recomendacións sanitarias, de saúde pública e de distanciamento social.