ABANCA nomea conselleira a Rosa María Sánchez-Yebra e crea un Consello Asesor para a súa actividade en Euskadi
- O Consello Asesor de Bankoa ABANCA analizará a evolución e perspectivas da economía vasca e asistirá na implementación das estratexias de ABANCA ao seu tecido industrial
- Co nomeamento de Sánchez-Yebra, o Consello de Administración de ABANCA reforza o seu compromiso coa igualdade
- O Consello nomea a Jesús Suárez Garrido novo director xeral de Bankoa ABANCA
ABANCA celebrou hoxe en Donostia-San Sebastián a reunión ordinaria do seu Consello de Administración. Como puntos principais, a sesión aprobou o nomeamento de Rosa María Sánchez-Yebra como nova conselleira independente, a creación do Consello Asesor de Bankoa ABANCA e o nomeamento de Jesús Suárez Garrido como novo director xeral de Bankoa ABANCA.
A creación do Consello Asesor de Bankoa ABANCA forma parte do proceso de integración de Bankoa no Grupo ABANCA. A súa función será orientar aos órganos de goberno de ABANCA sobre a evolución e perspectivas da economía vasca, así como sobre a implementación e adaptación das estratexias e políticas de ABANCA aos potenciais elementos diferenciais presentes na economía e o tecido industrial vascos.
Co obxectivo de preservar o seu amplo coñecemento acumulado e asegurar a continuidade na análise, o Consello Asesor de Bankoa ABANCA estará integrado inicialmente polos actuais conselleiros externos non dominicais de Bankoa e presidido por Juan José Etxeberría. Os conselleiros son Ignacio Martín San Vicente, Félix Iraola Escrihuela, Esteban Salegui Arbizu, Ana Arriola Boneta e Miren Loyola Zuloaga.
O Consello de Administración de ABANCA tamén tomou a decisión de nomear a Jesús Suárez Garrido como novo director xeral de Bankoa ABANCA para consolidar a súa xestión dos últimos anos á fronte da entidade financeira vasca.
A compra de Bankoa por ABANCA finalizou en xaneiro deste ano e conta xa coas autorizacións administrativas necesarias (Banco de España, Banco Central Europeo e Ministerio de Asuntos Económicos e Transformación Dixital). O proceso finalizará nas próximas semanas coa integración tecnolóxica do negocio e operatoria de Bankoa na plataforma ABANCA.
Nova conselleira
Coa súa incorporación ao Consello de Administración de ABANCA, Rosa María Sánchez-Yebra Alonso convértese na cuarta conselleira da entidade. O seu nomeamento sitúa por encima dunha terceira parte (36,3%) a proporción de mulleres no Consello de ABANCA e supón un novo paso adiante na estratexia de igualdade da entidade.
Nada en Ourense, Sánchez-Yebra é técnico comercial e economista do Estado, doutora en Farmacia pola Universidade de Santiago de Compostela e máster en Dirección e Administración de Empresas (MBA) polo Instituto de Empresa (IE Business School) de Madrid.
Tras iniciar a súa carreira profesional en 1990 como experta en patentes químicas e farmacéuticas da Oficina Española de Patentes e Marcas, en 1999 ingresou no corpo de Técnicos Comerciais e Economistas do Estado. Desde entón ocupou diversos postos vinculados ao Ministerio de Economía e Facenda na Dirección Xeral do Tesouro e Política Financeira, ou como asesora responsable da Comisión Delegada de Asuntos Económicos no Gabinete do Ministro de Facenda. Tamén foi directora de gabinete do Secretario de Estado de Economía (2002-2004), directora da Oficina Comercial na Embaixada de España en Romanía (2004-2009) e directora do gabinete do Ministro de Economía e Competitividade (2012-2014).
Entre 2014 e 2016 foi secretaria xeral do Tesouro e Política Financeira, membro do Comité Económico e Financeiro da UE e adxunta ao Ministro no Eurogrupo e Ecofin. Foi conselleira do Banco de España e da CNMV e vicepresidenta do Fondo de Garantía de Depósitos. Desde 2017 é vicegobernadora de Estratexia de Desenvolvemento Social do Banco de Desenvolvemento do Consello de Europa.