ABANCA, o banco español que máis crece en valor de marca en 2021
- ABANCA revalorizou a súa marca un 35,5% no último ano, segundo a consultora internacional Brand Finance
- O banco escalou 54 postos en só un ano na clasificación das 500 marcas máis valiosas e fortes de banca no mundo
ABANCA é a entidade financeira española que máis revalorizou a súa marca en 2021, segundo o 'Informe España 100 2022', que presentou recentemente a consultora internacional independente Brand Finance e no que se analizan as 100 marcas máis valiosas e fortes de España durante o ano pasado.
As conclusións desta análise de Brand Finance certifican o ascenso de valor da marca ABANCA nun contexto de empeoramento xeneralizado das puntuacións (só 2 dos 7 bancos na clasificación melloraron o seu valor de marca en 2021). A consultora destaca que ABANCA é a marca bancaria que máis crece en España, cunha mellora do 35,5%. Segundo os datos achegados, o banco presidido por Juan Carlos Escotet Rodríguez incrementou en 117 millóns de euros o seu valor de marca no último ano, o que lle permite colocarse sete postos máis arriba -no chanzo 46º- na clasificación das 100 marcas máis valiosas e máis fortes de España.
O dinamismo da marca ABANCA tamén queda patente noutro dos informes máis relevantes elaborados por Brand Finance, a lista 'Banking 500 2022', que analiza as 500 marcas bancarias máis valiosas e fortes do mundo. O banco que preside Juan Carlos Escotet Rodríguez escalou 54 posicións nesta lista durante 2021, ata situarse no posto 277 do cómputo mundial. Desde a súa irrupción en 2018 nesta selecta clasificación, ABANCA subiu un total de 193 postos.
Brand Finance é a firma consultora internacional líder en valoración e estratexia de marcas. Publica anualmente case un centenar de informes, nos que pon a proba 5.000 das marcas máis grandes do mundo cada ano de todos os sectores e países. A súa metodoloxía foi certificada por auditores independentes globais como compatible coas normas internacionais ISO 10668 e ISO 20671 sobre valoración financeira e avaliación de marcas.