ABANCA ofrece unha nova hipoteca mixta que mantén fixo o tipo de xuro os primeiros cinco anos
- A nova Hipoteca Mari Carmen Mixta achega ao cliente a tranquilidade dunha cota fixa a un tipo de xuro desde o 2,50% durante as primeiras 60 mensualidades
- A partir do sexto ano, o tipo de xuro pasa a ser variable, desde euríbor +0,60% na oferta de lanzamento
ABANCA amplía a súa oferta comercial coa nova Hipoteca Mari Carmen Mixta, unha solución de financiamento para vivenda cunhas condicións moi competitivas, que aúna nun só produto as principais vantaxes dun préstamo hipotecario fixo e un variable.
A Hipoteca Mari Carmen Mixta de ABANCA ofrece un tipo de xuro fixo durante o primeiros cinco anos do préstamo. Desta forma, desde que asina o préstamo, o cliente coñece a cota fixa que vai pagar durante as primeiras 60 mensualidades. A partir do sexto ano e durante o prazo restante, o tipo de xuro da hipoteca pasa a ser variable, sumando unha marxe ao euríbor a 12 meses.
Na oferta de lanzamento desta nova modalidade hipotecaria de ABANCA, o cliente pode beneficiarse dunhas tarifas que se sitúan neste momento entre as máis competitivas do mercado español. En caso de alcanzar a bonificación máxima pola contratación de produtos ou servizos básicos no banco, o cliente podería obter un tipo de xuro fixo do 2,50% durante o primeiros cinco anos, e a partir do sexto ano, do euríbor a 12 meses +0,60%.
A directora de Desarrollo de Negocio de ABANCA, Saray Cendón, resalta que “con esta nova alternativa de financiamento queremos ofrecer aos nosos clientes as mellores condicións dunha hipoteca fixa e dunha variable nun contexto marcado pola escalada dos tipos de xuro”. E subliña que o produto “achega ao cliente tranquilidade e seguridade durante os primeiros anos da hipoteca, que coinciden habitualmente co período de maior carga de xuros, e permítelle beneficiarse dunha posible baixada de tipos nun futuro, cunhas das tarifas máis baixas do sector agora mesmo”.
A Hipoteca Mari Carmen Mixta está destinada a facilitar o acceso ao financiamento para a compra, autopromoción ou rehabilitación de vivendas. Pode solicitarse a un prazo máximo de 30 anos e, do mesmo xeito que o resto de modalidades Mari Carmen, permite financiar ata o 80% do menor dos seguintes valores: o de taxación da vivenda ou o do prezo de compravenda, e non repercute ao cliente os gastos de notaría, rexistro e xestoría.
Con este novo produto, ABANCA reforza o seu amplo catálogo de préstamos hipotecarios. Na súa oferta destacan outras solucións diferenciais como a Hipoteca Mari Carmen para vivendas eficientes, que bonifica o tipo de xuro durante o primeiro ano se o inmoble conta cunha cualificación enerxética A ou B.