ABANCA ofrecerá microcréditos e formación ás mulleres do programa ‘Emprende en feminino’
ABANCA asinou hoxe co concello de Ferrol o convenio de colaboración mediante o que a entidade financeira galega ofrecerá microcréditos e formación empresarial ás 15 mulleres que participan no programa 'Ferrol Emprende en feminino' posto en marcha polo concello de Ferrol.
O acordo foi subscrito esta mañá polo director de zona Ferrol-Ortegal de ABANCA, Rafael Montero, e a directora de Responsabilidade Social Corporativa de ABANCA, Tatiana Suárez, coa tenente de Alcade de Ferrol, Beatriz Sestayo.
A colaboración entre o Concello e ABANCA permitirá ofrecer condicións beneficiosas ás mulleres que participaron no programa 'Ferrol Emprende en Feminino' que iniciarán a súa actividade empresarial leste mesmo ano en Ferrol.
A iniciativa ten como obxectivo, segundo explicou Beatriz Sestayo durante o acto, "a dinamización socio económica da cidade para combater o desemprego e axudar ás mulleres á súa autonomía empresarial". A tenente de Alcalde de Ferrol e tamén concelleira de Muller e Promoción Económica puxo en valor o feito de que "nesta primeira edición logrouse que 15 mulleres impulsen 15 novos negocios nunha cidade tan necesitada de aperturas".
Por parte de ABANCA, Rafael Montero destacou o compromiso da entidade por favorecer o emprendemento e a igualdade de oportunidades entre homes e mulleres.
Financiamento e formación
Os microcréditos terán comisións cero e condicións vantaxosas pero, o convenio, ademais, inclúe a posibilidade de que as beneficiarias reciban unha formación específica a través do Instituto de Educación Superior Intercontinental da Empresa (IESIDE) de ABANCA. "Cremos que a formación é tan importante como o financiamento e o noso compromiso social como entidade o queremos demostrar ofrecendo a estas mulleres ferramentas formativas que lles axuden nos seus proxectos", explicou a directora de Responsabilidade Social Corporativa de ABANCA, Tatiana Suárez.