ABANCA participa no lanzamento dos Principios de Banca Responsable en Nova York
- O conselleiro delegado do banco, Francisco Botas, asistiu ao acto oficial que tivo lugar este domingo no marco da Asemblea Xeral Anual de Nacións Unidas
- Coa adhesión a esta iniciativa global, ABANCA pon a sustentabilidade no centro do seu negocio e comprométese a impulsar a acción polo clima
ABANCA converteuse este domingo nun dos Signatarios Fundadores dos Principios de Banca Responsable, a iniciativa financeira do Programa das Nacións Unidas para o Medio Ambiente (UNEP FI). O conselleiro delegado do banco, Francisco Botas, participou no lanzamento global dos Principios, que tivo lugar durante a Asemblea Xeral de Nacións Unidas en Nova York e que marca o inicio da asociación máis importante até a data entre a industria bancaria e Nacións Unidas.
A entidade únese así a unha coalición de 130 bancos de todo o mundo e comprométese a aliñar o seu negocio cos Obxectivos de Desenvolvemento Sustentable (ODS) e o Acordo de París sobre o cambio climático.
Ao adherirse a esta iniciativa, ABANCA materializa o seu compromiso de ter un papel activo na creación dunha economía sustentable e liderar as novas formas de facer finanzas no futuro. O conselleiro delegado, Francisco Botas, sinala que “para o banco supón dar un impulso á estratexia de Responsabilidade Social Corporativa que estivo desenvolvendo desde a súa creación, centrada no bo goberno, a igualdade de oportunidades, a educación, a cultura e o medio ambiente”.
Neste sentido, a entidade incorporou xa prácticas de gobernación esixidas a sociedades cotizadas e desde abril conta con Alpha Responsable, un servizo de xestión de carteiras de fondos de investimento socialmente responsables. Así mesmo, participa en proxectos do Plan Nacional Integrado de Enerxía e Clima (PNIEC), en proxectos de enerxías renovables Power Purchase Agreement (PPA) en colaboración con grandes empresas, e noutros proxectos verdes enfocados á renovación da frota pesqueira e de mellora da eficiencia enerxética do sector primario. Ademais, está renovado as súas sedes corporativas e a súa rede de oficinas para facelas enerxéticamente intelixentes e implantou políticas de transporte sustentable e de cero papel.
ABANCA considera que, tal e como se expresa nos Principios, só nunha sociedade inclusiva fundada na dignidade humana, a igualdade e o uso sustentable dos recursos naturais poden prosperar as persoas e as empresas. Por este motivo, tamén vai reforzar a súa estratexia comercial para que sexa coherente con este compromiso e que os seus produtos e servizos contribúan a apoiar e acelerar os cambios fundamentais na economía e o estilo de vida que son necesarios alcanzar os ODS e cumprir o Acordo de París. Na actualidade, o banco xa dispón de produtos específicos para o financiamento de vehículos eficientes e reformas do fogar que favorecen a mellora da eficiencia enerxética e o uso de enerxías renovables.
Principios de Banca Responsable
Os Principios de Banca Responsable foron desenvolvidos pola Iniciativa Financeira do Programa das Nacións Unidas para o Medio Ambiente (UNEP FI), xunto cun grupo central de 30 bancos. Presentáronse en París o 26 de novembro de 2018 e o seu lanzamento global produciuse este domingo 22 de setembro.
O documento recolle seis compromisos: aliñar a estratexia comercial do banco cos ODS, o Acordo de París sobre o cambio climático e os marcos nacionais e rexionais pertinentes; incrementar os impactos positivos da actividade, os produtos e os servizos bancarios e reducir os negativos; traballar cos clientes para alentar prácticas sustentables e favorecer actividades económicas que cren prosperidade compartida para as xeracións actuais e futuras; colaborar de forma pro activa e responsable coas partes interesadas para lograr os obxectivos da sociedade; contar cun goberno corporativo efectivo e unha cultura de banca responsable; revisar periodicamente a implementación individual e colectiva destes Principios e ser transparente e responsable dos impactos positivos e negativos e da contribución aos obxectivos da sociedade.
Máis información sobre os Principios de Banca Responsable e os seus documentos marco na web de UNEP FI.