ABANCA, patrocinador principal da Mobile Week Coruña
- O banco apoia este evento no marco do seu compromiso por achegar a tecnoloxía dixital a toda a cidadanía e o tecido empresarial
- O acordo subscrito garante a colaboración de ABANCA coa iniciativa por un período de catro anos e facilita que se celebren novas edicións nese prazo
ABANCA será o principal apoio privado co que contará a primeira edición da Mobile Week Coruña, un evento que se desenvolverá entre o 21 e o 28 de novembro e que converterá numerosos espazos da Coruña, a súa área metropolitana e mesmo Santiago de Compostela en foros de reflexión sobre a transformación dixital e o seu impacto na sociedade actual.
O director xeral de IT, Información, Procesos e Operacións de ABANCA, José Manuel Valiño; o director de Marketing, Intelixencia e Dixital de ABANCA, Jorge Mahía; o director de Digital Future Society de World Mobile Capital, Esteban Redolfi; o director executivo da Mobile Week Coruña, Guillermo Taboada, e a presidenta da Conferencia de Decanos de Educación de España, Carmen Fernández Morante, presentaron esta mañá na sede de ABANCA Innova na Coruña esta colaboración.
O banco realizou unha aposta clara por situarse á vangarda tecnolóxica desde a súa creación e o patrocinio desta iniciativa supón un paso máis na súa vontade de achegar a tecnoloxía a toda a sociedade, contribuíndo así a reducir a fenda dixital existente na actualidade que limita a igualdade de oportunidades tanto a nivel particular como no ámbito empresarial, especialmente no caso de pemes e autónomos.
O acordo de colaboración que subscribiron a entidade financeira e o Club Financiero Atlántico, que colabora con Mobile World Capital Barcelona na organización do evento, materializa o compromiso do banco con esta iniciativa por un período de catro anos e ofrece estabilidade aos promotores para organizar novas edicións do evento na cidade nese prazo.
Participación activa na programación
ABANCA, a súa Obra Social, Afundación, e IESIDE tamén terán presenza activa nalgunhas das numerosas actividades que inclúe o programa da Mobile Week Coruña, especialmente dentro do bloque Mobile Week Talks. O mércores 21 de novembro o xerente de Seguridade TI de ABANCA, Carlos Pérez Saldaña, participará na Xornada de Ciberseguridade #pemesegura.gal que se desenvolverá na Cidade da Cultura de Santiago de Compostela entre as 9.00 e as 14.00 horas.
A sede de Afundación acollerá o xoves 22 de novembro dúas propostas centradas na educación. Ás 10.30 horas comezará a conferencia de Julio Cabero, catedrático da Universidad de Sevilla especialista en tecnoloxía educativa, e, a continuación, ás 11.00 horas, terá lugar o debate ‘A aula do futuro’, no que expertos na materia abordarán os cambios que a tecnoloxía e a dixitalización están a provocar nos alumnos e docentes. Ao día seguinte, venres 23 de novembro, o director xeral de IT, Información, Procesos e Operacións, José Manuel Valiño, participará na mesa redonda ‘Revolución dixital no traballo’. Neste encontro, que se desenvolverá en Expocoruña, abordaranse cuestións como os novos perfís profesionais que xorden por mor da revolución tecnolóxica, a empresa 4.0, a intelixencia artificial ou as criptomoedas. Co director xeral de ABANCA estarán Eva López Barrio, directora de Uniemprende da USC; Edita de Lorenzo, doutora enxeñeira de Telecomunicación; Juan José Delgado, Global Chief Digital Officer en Estrella Galicia; Tomás González Caballero, director xeral da Asociación Data Economy España, e José Luis Sancho, director xeral de Accenture Digital España, Portugal e Israel.
Tamén no bloque Mobile Week Talks enmárcanse charlas dinámicas organizadas por ABANCA, Afundación e IESIDE baixo o título ‘Claves do futuro na empresa’. Os relatorios, a cargo de recoñecidos expertos nos campos do marketing, a innovación ou o management como Idoia de Paz Gómez, Jesús Hernández Ruiz, Álvaro Gómez Vieites ou Jaume Gurt, abordarán as liñas mestras do futuro nos catro ámbitos fundamentais da empresa: as persoas, as tecnoloxías, os clientes e o management. A actividade desenvolverase nas instalacións de IESIDE na Coruña o luns 26 de novembro, entre as 18.00 e as 20.00 horas.
O robot humanoide de ABANCA, R4, será un dos protagonistas do taller de robótica para nenos e nenas organizado por R Comunicacións que terá lugar o sábado 24 no CITIC no marco da Mobile Week Kids. Na actividade daránselles aos pequenos unhas nocións básicas de como se programa o robot e, a continuación, exporáselles un reto para que poidan desenvolver algunha programación sinxela sobre un papel que despois se probará sobre R4.
ABANCA tamén estará presente en clausúraa do evento o mércores 28 de novembro, ás 19.00 horas, en Palexco, cunha intervención do conselleiro delegado do banco, Francisco Botas.