ABANCA pecha con Crédit Mutuel a operación de compravenda de TARGOBANK
- A operación completouse unha vez recibidas as autorizacións correspondentes
- TARGOBANK Grupo ABANCA, nova marca ata que culmine a integración tecnolóxica en 2024
ABANCA e BFCM (Banque Fédérative du Crédit Mutuel) asinaron esta mañá na sede de ABANCA en Madrid o peche da operación de compravenda de TARGOBANK España. No acto de firma estiveron presentes o presidente e o CEO de ABANCA, Juan Carlos Escotet Rodríguez e Francisco Botas, respectivamente, e o deputy CEO de BFCM, Alexandre Saada.
O fito prodúcese unha vez recibidas as autorizacións administrativas do Banco Central Europeo, a Comisión Nacional dos Mercados e da Competencia, e a Dirección Xeral de Seguros e Fondos de Pensións. Péchase así o proceso iniciado en decembro de 2022 co comezo das negociacións en exclusiva entre ABANCA e BFCM, conversacións que deron lugar ao acordo de compravenda subscrito en febreiro deste ano.
A entidade adquirida operará desde este momento baixo a marca TARGOBANK Grupo ABANCA. O proceso de implantación desenvolverase durante esta fin de semana, de maneira que desde o luns a nova marca estará presente na totalidade dos seus diferentes soportes físicos e dixitais (oficinas e servizos centrais, web, banca electrónica e móbil, redes sociais, tarxetas, comunicacións con clientes, papelería etc.).
Próximos pasos
A partir deste intre dá comezo o proceso de integración tecnolóxica, que finalizará en 2024. ABANCA conta cun modelo de éxito para este tipo de procesos, probado nas seis operacións corporativas realizadas pola entidade desde 2014.
A integración na plataforma tecnolóxica de ABANCA proporcionará aos clientes de TARGOBANK España beneficios como unhas maiores capacidades tecnolóxicas, especialmente a través da súa banca móbil; atención persoal nunha ampla rede de preto de 700 oficinas en España; un alto grao de especialización en segmentos como familias, banca persoal, privada, pemes e empresas, seguros, fondos de investimento, medios de pago e consumo; maior diversificación do catálogo de produtos, e presenza internacional en 11 países de Europa e América.
A operación en cifras
Coa integración de TARGOBANK España, que achega 6.000 millóns de euros en volume de negocio, ABANCA xestionará un total de 114.117 millóns de euros, unha cifra un 5,6% superior á actual. TARGOBANK España conta con 507 profesionais que prestan servizo a 161.000 clientes a través das 51 oficinas que ten en todo o territorio nacional, especialmente no arco mediterráneo, Madrid e Andalucía. Con esta compra, ABANCA reforza significativamente a súa dimensión nacional.
ABANCA manterá, como en anteriores integracións, a súa política de sumar o talento e a profesionalidade dos equipos.
A operación de compravenda e integración do negocio de TARGOBANK España ten o seu fundamento no seu óptimo encaixe na estratexia de ABANCA, orientada ao servizo aos clientes particulares e ao apoio ás pequenas, medianas e grandes empresas en todo o territorio nacional.