ABANCA pecha en Arousa o seu plan informativo e de impulso ao sector pesqueiro
- A entidade financeira completa cun dobre acto en Vilagarcía e Boiro un ciclo de encontros informativos con preto de 400 profesionais do mundo do mar
- O banco, a través da súa división ABANCA Mar, presenta a súa oferta financeira e dá a coñecer o programa de axudas do Fondo Europeo Marítimo e de Pesca
ABANCA pechou cun dobre acto en Vilagarcía e Boiro o seu plan de encontros co sector pesqueiro de Galicia. Unha reunión de traballo por duplicado que permitiu congregar a preto dun centenar de profesionais dos Grupos de Acción Local do sector pesqueiro (GALP) da ría de Arousa.
Estas derradeiras presentacións súmanse a outras que a entidade financeira organizou nas últimas semanas. En total, seis reunións para coñecer de primeira man as necesidades do colectivo e dar resposta ás súas demandas máis perentorias. A iniciativa informativa e comercial chegou ata 400 integrantes dos colectivos GALP Ría de Vigo, Ría de Pontevedra, Ría de Arousa, SEO Fisterra/Ría de Muros-Noia e Costa da Morte. Unhas sesións reducidas que reforzan o compromiso e a especialización que a entidade impulsou co lanzamento da súa división ABANCA Mar o pasado mes de outubro.
Este plan de encontros informativos co sector, en colaboración cos distintos GALP, busca no só amosar a oferta financeira personalizada de ABANCA para o sector, senón tamén estimular o desenvolvemento da pesca, marisqueo e acuicultura galegos. Durante as sesións, os representantes dos GALP presentan o programa de axudas do Fondo Europeo Marítimo e da Pesca (FEMP) 2014-2020, que xestiona a Xunta en colaboración con estes grupos sectoriais.
ABANCA Mar, ao servizo do sector
Esta alianza de ABANCA cos GALP é a continuación doutras iniciativas postas en marcha no último trimestre do pasado ano con este sector. A entidade financeira impulsou reunións específicas con preto de 60 confrarías da comunidade e renovou os convenios financeiros que mantiña en vigor. A estas iniciativas de apoio ao sector primario súmase un crecente catálogo de produtos, ademais da proximidade e experiencia dun equipo de profesionais altamente cualificados.