ABANCA pecha unha emisión de débeda subordinada Tier 2 por 350 millóns de euros
- A emisión contou cunha demanda de máis de 600 millóns e será remunerada a un 6,125%
- Con esta emisión ABANCA, unha das entidades máis solventes do mercado español, amplía e diversifica o seu capital segundo o previsto no seu plan estratéxico
- É a primeira entidade europea que consegue realizar con éxito unha emisión destas características en 2019

Descarga en alta resolución Serás redirixido a outro sitio web e abrirase nunha nova ventá
ABANCA fixou hoxe os termos económicos para unha emisión de débeda subordinada por importe de 350 millóns de euros. A emisión, destinada a contrapartidas elixibles e investidores profesionais, tivo moi boa acollida no mercado, cubrindo o importe desexado en menos de catro horas e cunha demanda final que superou os 600 millóns de euros. A remuneración fixouse no 6,125%.
Con esta emisión ABANCA cumpre co seu obxectivo de reforzar e diversificar o seu capital de acordo co seu plan estratéxico. Os títulos emitidos teñen a categoría de débeda subordinada Tier 2. Adicionalmente, a emisión permite a ABANCA avanzar no cumprimento da nova normativa europea de requirimento mínimo de fondos propios e pasivos admisibles (MREL polas súas siglas en inglés).
ABANCA é unha das entidades españolas mellor capitalizadas. Tras esta colocación e a realizada no pasado mes de outubro, a entidade estima que o seu cociente de capital total situarase na contorna do 17%. Con esta emisión ABANCA inaugura o mercado europeo de TIER 2, un rol tradicionalmente reservado a entidades de maior tamaño, e consolida a súa posición como emisor nos mercados de capitais.