ABANCA pon en marcha a segunda edición do seu programa educativo Segura-Mente ABANCA
- A iniciativa forma parte do programa de educación financeira que desenvolve o banco co fin de mellorar os coñecementos da poboación neste ámbito.
- Na primeira convocatoria participaron 70.961 alumnos e alumnas de entre 8 e 16 anos de 274 centros escolares de toda España.
ABANCA vén de lanzar unha nova edición do programa de sensibilización educativa Segura-Mente ABANCA, co que busca axudar ao público infantil e xuvenil a entender conceptos como a prevención e o funcionamento de determinados produtos como os seguros. A iniciativa, que forma parte do programa de educación financeira que desenvolve o banco en colaboración coa súa Obra Social, Afundación, está dirixida ao alumnado de Primaria (de 3º a 6º), ESO e FP Básica.
Nesta segunda convocatoria, os estudantes de menor idade terán que crear un cómic que plasme unha situación de risco e a súa solución, mentres que os de secundaria e formación profesional terán que elaborar un anuncio publicitario que promocione un seguro.
Estas actividades contribuirán a fomentar a cultura da prevención entre os participantes, xa que promoven a reflexión, ademais de afianzar o espírito emprendedor nas aulas a través da creatividade, o traballo en equipo e o sentido crítico que esixen os traballos que terán que presentar.
Para desenvolver os seus proxectos, os estudantes e os seus profesores contarán con abundante material didáctico, que xa está dispoñible na web do programa https://www.programaseguramenteabanca.com/, fundamentado na gamificación e na aprendizaxe baseada na resolución de problemas.
Un xurado composto por expertos en educación, creatividade, comunicación e seguros, ademais de por profesionais vinculados a ABANCA e á súa Obra Social, Afundación, elixirá a dous gañadores, un en cada categoría, que recibirán unha experiencia valorada en 1.000 euros para a aula.
Na primeira edición do programa, que se desenvolveu ao longo do pasado curso escolar 2018-2019, participaron en total 70.961 alumnos e alumnas de entre 8 e 16 anos de 274 centros escolares de toda España.
O obxectivo principal do programa Segura-Mente ABANCA é sensibilizar a nenos e mozos na cultura da prevención de riscos e valorar a importancia dos seguros como un investimento ante os imprevistos da vida, de acordo coas recomendacións da OCDE para mellorar a educación financeira da cidadanía e capacitar ás próximas xeracións para tomar decisións informadas na vida adulta.
O prazo de recepción de traballos para participar nesta segunda convocatoria finaliza o 29 de marzo. Os centros escolares ou profesores interesados en participar cos seus alumnos e alumnas poden consultar toda a información na web do programa: https://www.programaseguramenteabanca.com/.