ABANCA pon en marcha medidas para contribuír a paliar os danos dos incendios en Galicia
- A entidade creou unha liña de financiamento e anticipo de subvencións e un protocolo para axilizar a xestión dos sinistros
- Un equipo de traballo avalía de maneira continua a situación para executar posibles accións adicionais
ABANCA comezou a aplicar diferentes medidas urxentes deseñadas para contribuír a paliar os danos causados polos incendios en Galicia, Asturias, León e norte de Portugal.
Entre elas destaca a creación dunha liña de liquidez por importe inicial de 50 millóns de euros para facer fronte a necesidades económicas máis urxentes xeradas polos incendios.
Trátase dunha liña de financiamento flexible, con áxil tramitación e que conta con condicións especiais tanto para particulares como empresas que teñan sufrido as consecuencias dos lumes. A liña de liquidez contempla tanto unha conta de crédito a 12 meses, como préstamos con carencia ata un ano e prazo total de 10 anos, ambos sen comisións de ningún tipo. Tamén se abriu unha liña específica de anticipo de subvencións ata o 100% do importe da subvención da que o afectado poida ser beneficiario. Os afectados poden tramitar estas liñas en calquera das máis de 500 oficinas que ABANCA ten en Galicia.
Adicionalmente ABANCA puxo en marcha un protocolo especial para dar un servizo acelerado na xestión de sinistros dos seus clientes asegurados coa entidade.
O banco, que está a transmitir desde o pasado luns o seu apoio e solidariedade a todos os concellos afectados, constituíu un equipo de traballo para ofrecer respostas adecuadas cando se coñezan avaliacións de danos máis detalladas.
Colaboración na recuperación ambiental
ABANCA fixouse tamén como obxectivo contribuír activamente na recuperación ambiental. A dirección de RSC do banco está a ultimar liñas de traballo compostas por iniciativas propias e mantense en contacto coa Xunta para analizar accións en coordinación co goberno galego.