ABANCA pon en marcha o ‘Programa Cero Comisións’ que beneficiará a máis dun millón de clientes
- O ‘Programa Cero Comisións’ ofrece un servizo totalmente gratuíto a aqueles clientes que operen online
- A campaña non esixe domiciliar un importe mínimo de nómina ou pensión para poder dispor de servizos gratuítos
A maioría dos clientes de ABANCA poderá beneficiarse do Programa Cero Comisións que a entidade financeira galega porá en marcha a partir do próximo 15 de abril.
De forma automática, un millón de clientes particulares (asalariados coa nómina domiciliada, pensionistas, menores de 30 anos ou persoas que usen os medios online) e máis de 60.640 autónomos e micropymes beneficiaranse deste programa polo que non pagarán polo mantemento e administración das súas contas, polas súas tarxetas ou por realizar transferencias. Todos os clientes con conta en ABANCA xa están recibindo estes días unha comunicación informándolles do inicio deste programa a partir do 15 de abril.
O resto de clientes poderán beneficiarse do Programa Cero Comisións cumprindo uns requisitos mínimos moi accesibles como ter unha conta sen libreta, realizar polo menos dúas compras ao mes coa tarxeta de débito, dispor de banca electrónica e ter rexistrado na base de datos de ABANCA o teléfono móbil e o correo electrónico.
O Programa Cero Comisións de ABANCA establece tres niveles de servizo en función da vinculación do cliente coa entidade. “Queremos agradecer aos nosos clientes vinculados con ABANCA a súa fidelidade e, por iso, canta máis vinculación máis servizos gratuítos. Pero non nos esquecemos doutros clientes que, por exemplo, non dispoñen de ingresos regulares pero que fan as súas operacións habituais sen acudir á oficina e que tampouco pagarán as comisións máis habituais”, afirma Luís Beraza, director xeral de Banca Comercial de ABANCA.
Os clientes máis vinculados non pagarán nin pola administración e mantemento das súas contas, nin polas transferencias, nin polas tarxetas, nin por ingresos de cheques nacionais en euros, nin polo servizo de avisos por sms, nin por retiradas a débito en calquera caixeiro do mundo (fóra de Galicia). Ademais, os autónomos terán unha tarifa especial en cobro de recibos e unha tarifa moi reducida en taxa de desconto de TPV.
Para acceder á exención de comisións, os clientes non terán que facer nada xa que é de aplicación automática se se cumpren os requisitos. “O cliente verase beneficiado desde o primeiro día sen que teña que contratar ningún produto específico ou cumprir algún período de permanencia. Só terá que ter os requisitos mínimos que se solicitan”, explica Gabriel González Eiroa, director de Banca Minorista de ABANCA.
O Programa Cero Comisións réxese por unhas bases claras e sinxelas, depositadas ante notario, e que se poden consultar na páxina web, www.abanca.com/cerocomisions ou en calquera oficina de ABANCA.
Novidade no mercado
O Programa Cero Comisións de ABANCA é novidoso no mercado financeiro tradicional español xa que poucas entidades ofrecen un servizo totalmente gratuíto a aqueles clientes que operen online ou utilizando os medios de autoservicio para facer as súas operacións nos caixeiros automáticos.
Ademais, ABANCA é a primeira entidade que non esixe un importe mínimo de nómina ou pensión para poder dispor de forma gratuíta de conta, cartóns, transferencias e ingreso de cheques a aqueles clientes que domicilien a súa nómina ou pensión na entidade.
Co Programa Cero Comisións, ABANCA afiánzase como unha das entidades financeiras españolas máis innovadoras na exención de comisións, ao premiar o uso e o comportamento dos seus clientes e non só a contratación dun determinado produto.